Trátase dunha revolucionaria técnica teragnóstica desenvolvida por un equipo da USC e do IDIS, no que tamén participa a institución compostelá, contra esta enfermidade caracterizada pola inflamación das articulacións e cuxa prevalencia é superior en persoas maiores e mulleres

A artrite é unha enfermidade caracterizada pola inflamación das articulacións da que existen máis de 100 tipos. Cunha alta prevalencia, unha das tipoloxías máis comúns é a artrite reumatoide, que afecta a entre 0,1 e 2 casos por cada 100 persoas no mundo. Esta patoloxía preséntase predominantemente en mulleres e en persoas de máis de 65 anos. Agora, persoal investigador do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) acaba de presentar unha revolucionaria técnica teragnóstica que combina nunha mesma proba diagnóstico e tratamento de maneira personalizada.

Esta nova técnica permite realizar un diagnóstico molecular para estudar a expresión dunha determinada diana terapéutica de forma individual en cada paciente e así administrar posteriormente un tratamento personalizado dirixido contra esas mesmas dianas. “Trátase dunha aproximación que xa mostrou excelentes resultados no campo da oncoloxía e que agora desenvolvemos, por primeira vez, para o tratamento personalizado da artrite”, explica Pablo Aguiar dende o CiMUS da USC.

Técnica pioneira

A tecnoloxía que se presenta é pioneira en todo o mundo, ao tratarse da primeira que permitiría realizar o diagnóstico e o tratamento da artrite nunha mesma proba. Consiste nun novo radiofármaco PET baseado en nanopartículas que se inxecta de forma intra-articular e que aumenta significativamente a eficacia do tratamento, pois permite que a molécula terapéutica, neste caso un péptido senolítico, permaneza máis tempo no lugar de acción. “A innovación desta nova técnica é que o tratamento se pode realizar de forma individualizada para cada paciente, é dicir, o diagnóstico PET achega a información necesaria para saber se o tratamento vai ser efectivo ou non, pois permite coñecer a distribución e a cinética do fármaco antes de administrar o tratamento”, asegura María de la Fuente, do IDIS.

O traballo foi froito dunha extensa colaboración multidisciplinar coordinada por Pablo Aguiar do grupo de Imaxe Molecular do CiMUS e do IDIS, e por María De la Fuente, do grupo de Nano-oncoloxía do IDIS, no que tamén participaron o grupo de María Mayán, do INIBIC e José Ramón Caeiro do Servizo de Traumatoloxía do Hospital Clínico de Santiago de Compostela.

Os achados presentados aquí son o resultado das múltiples investigacións realizadas durante os últimos dous anos por Sandra Díez-Villares e por Lara García-Varela, que combinaron os seus perfís complementarios en nanotecnoloxía e imaxe PET respectivamente para desenvolver con éxito unha serie de experimentos de gran complexidade técnica. Os resultados publicáronse recentemente na revista Journal Controlled Release, revista de referencia mundial en sistema de liberación controlada de fármacos.