Pese a ir por atrás case todo o partido, o Santo Domingo Betanzos sempre deu a sensación de estar aí. E cando se di “estar aí” é porque o encontro contra o Obradoiro Ames nunca deparou grandes vantaxes para os locais, descontando os minutos iniciais do último cuarto, onde conseguiron unha renda que chegou a ser de 13 puntos, estricando ao máximo un marcador que sempre oscilou entre os 6-8 puntos de avantaxe, a pesar das imprecisións dos betanceiros en momentos puntuais do partido. Smoyer non parecía tan decisivo, ao ter diante pivotes de verdadeira envergadura, Will Pereiro cargábase de faltas demasiado cedo e, malia os atrancos, os filiais non marchaban no marcador como podería esperarse. O Santo aguantou, acirrado por Abelleira, Dani e Rozas, e tras chegar ao descanso cun 46-40 (e con Taboada Heiskanen fóra da pista por unha lesión nun lance defensivo) o panorama facía concibir certas esperanzas para o treito final do partido. Porén, as malas decisións e a precipitación dos máis novos do equipo, retardaron o momento de meterse no encontro ata ben entrado o último período. De estar 13 abaixo a falta de 8 minutos os betanceiros pasaron a empatar a 78 a falta de 2:29 (cun tiro libre errado para poñérense por diante) e, a partir de aquí, de novo a precipitación xogou unha mala pasada aos de Xoel Folgueiras cando parecía que tiñan o partido de cara. Nos minutos decisivos só se conseguiron dous puntos fronte a oito dos rivais, que só se limitaron a non estar máis torpes ca os betanceiros, e todo, máis unha vez, volveu quedar en nada.
Obradoiro Ames 86, Nilo Barreiro 5, Nongo 2, Taboada Heiskanen 5, Paz Cacheiro 11, Harguindey 2, Grela 9, González García 20, Niang 22, Iago Fernández 7, Soto 3, Sama.

Santo Domingo Betanzos 80, Javi González 6, Will Pereiro 9, Abelleira 13, Dani Martín 14, Santi González, Sanjurjo 3, Rozas 21, Brezo 5, Smoyer 9.