A xornada “Psicoloxía na escola xa” terá lugar este xoves 27 en Santiago de Compostela coa participación de relevantes expertos

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia organiza a Xornada “Psicoloxía na escola xa” este 27 de abril ás 17h no Centro Obra Social Abanca en Santiago de Compostela (Praza de Cervantes), coa que pretende reivindicar a imperiosa necesidade de que se incorpore a figura da psicóloga ou psicólogo educativo a todos os centros de ensino. Profesionais de recoñecido prestixio como José Antonio Luengo, experto en Psicoloxía Educativa e decano do Colexio de Psicoloxía de Madrid; ou Antonio Rial Boubeta, profesor da USC responsable de numerosos estudos sobre a mocidade, participarán neste encontro de acceso libre e dirixido ao público xeral.

Nesta Xornada que promove a Sección de Psicoloxía Educativa do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia daranse a coñecer as necesidades a nivel emocional tan complexas que vive hoxe en día o alumnado nos centros educativos. A sociedade ten que saber o que se vive día a día nas aulas e os poucos recursos humanos cos que se contan. De aí a necesidade de apostar por incorporar a figura do psicólogo ou psicóloga educativa dentro dos equipos dos centros de ensino de primaria e secundaria.

Abrirá o encontro José Antonio Luengo Latorre coa conferencia “Infancia, adolescencia e saúde mental. O papel dos centros educativos». Este psicólogo clínico e experto en Psicoloxía Educativa, Atención Temperá e en intervención en centros educativos problemáticos, é Decano-Presidente do Colegio Oficial de Psicología de Madrid e Vicepresidente primeiro do Consejo General de la Psicología de España. Ademais, é coordinador do Equipo de Apoio socioemocional da Unidade de Convivencia e contra o acoso escolar, dependente da Subdirección Xeral de Inspección Educativa da Consellería de Educación da Comunidade de Madrid.

A seguinte conferencia leva por título «Detección e intervención precoz dos problemas de adicción, saúde mental e convivencia no eido educativo» e será impartida por Antonio Rial Boubeta, doutor en Psicoloxía e profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela. Director Técnico da Unidade de Psicoloxía do Cosumidor e experto en metodoloxía de investigación en ciencias sociais e da saúde, Rial é autor de máis de 140 artigos en revistas científicas de impacto internacional e responsable de numerosos proxectos de investigación do eido da mocidade, dende o uso problemático de Internet, as redes sociais o ciberbullying, ao consumo de alcohol entre os menores.

Á continuación seguirá a mesa redonda «Respostas ás necesidades psicolóxicas da comunidade educativa», á que se incorporarán Hipólito Puente Carracedo, doutor en Psicoloxía Educativa e membro da División de Psicoloxía Educativa do Consejo General de la Psicología; Olegaria Mosqueda Bueno, psicóloga educativa e experta en Orientación e Apoio Psicoeducativo; e Marisol Louro Lestón, directora do IES Plurilingüe de Ames e representante de ADDIGA (Asociación de Directores/as de Galicia).