Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Domingo, 3 de noviembre de 2019 | Leída 20 veces

O Concello desenvolverá unha ampla programación municipal en novembro para conmemorar o Día Internacional contra a violencia de xénero

Complementaria á actividade que nesa materia se desenvolve durante todo o ano. As principais novidades deste ano serán unha ruta motera e a campaña que se realizará en colaboración co comercio local e o sector hostaleiro...

O 25 de novembro conmemórase o Día internacional contra a violencia de xénero. O Concello da Laracha desenvolve todos os anos en torno a esa data unha ampla programación municipal que complementa as diferentes iniciativas, actos e servizos que están á disposición da cidadanía de xeito continuado para loitar contra esa lacra social, apoiar ás vítimas e mostrar tolerancia cero contra os maltratadores.

 

Co propósito de chegar a todos os sectores sociais e grupos de idade, empregaranse diversas metodoloxías nas accións programadas. Ademais de obradoiros de prevención da violencia nos centros educativos e a cuarta edición da Festa da Igualdade, escenificarase unha obra teatral de temática feminista e, como principais novidades, realizarase unha campaña involucrando ao comercio local e organizarase por primeira vez unha ruta de motos.

 

Así, a totalidade do alumnado de 5º e 6º de primaria dos CEIPs Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e Caión e tamén todos os estudantes de secundaria do IES Agra de Leborís xa están a participar en obradoiros sobre educación para a igualdade centrados especificamente en temáticas afectivo sexuais adaptadas a cada grupo de idade e coordinadas polo Centro de Información ás Mulleres (CIM).

 

O propio 25 de novembro celebrarase a 5ª edición da Festa da Igualdade no pavillón do CEIP Otero Pedrayo, na que será unha xornada de convivencia do alumnado de 5º e 6º de primaria dos tres colexios do municipio. Durante toda a mañá realizaranse eventos como a segunda edición da carreira popular Que non te pille o machismo e o 3º concurso de fotografía A Laracha enfoca a igualdade. Como gran novidade deste ano inclúese outro concurso, neste caso musical e titulado Poñemos banda sonora á igualdade.

 

Neste ano o Concello da Laracha tamén involucrará ao comercio local e ao sector hostaleiro na campaña en torno ao 25 de novembro. Cada establecemento recibirá material divulgativo da campaña O comercio local di non e pon punto final á violencia machista, que tamén se visibilizará durante todo o mes nas redes sociais municipais.

 

Outra das grandes novidades será a ruta motera Ruxe contra a violencia de xénero que terá lugar o domingo 24 de novembro pola mañá. Comezarase cunha concentración na Praza do Concello dos motoristas participantes e realizarase un percorrido pasando por Paiosaco e rematando en Caión, onde se realizará o acto central da xornada coa lectura dun manifesto.

 

Ademais, como é habitual unha das pezas do programa Venres Teatrais terá temática feminista. Será a obra Loló e Mamá, da compañía De Ste Xeito Producións, que se porá en escena na Casa da Cultura o venres 29 a partir das 21:00 horas.

 

Salientar tamén que xunto ao CIM da Laracha –edificio administrativo- estará instalada durante todo o mes de novembro unha mesa informativa sobre violencia de xénero, explicando que é, como detectala, onde dirixirse no caso de producirse e os dereitos das vítimas.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2019 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress