Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Martes, 8 de octubre de 2019 | Leída 17 veces

A Xunta propón o Plan Básico Autonómico ao Premio de Urbanismo Español 2019 polo seu carácter pioneiro e multidisciplinar

O Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España (CSCAE) recoñece cada ano os mellores traballos realizados no eido da arquitectura e do urbanismo e concretamente aqueles dirixidos por arquitectos españois. A candidatura foi presentada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e conta co apoio expreso do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, as Universidades de A Coruña e Santiago e a Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega. Por primeira vez un proxecto impulsado polo Goberno autonómico opta ao premio...

[Img #49718]

O Plan Básico Autonómico (PBA) será un dos candidatos a levarse o Premio de Urbanismo Español 2019 que convoca e outorga o Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España (CSCAE). A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de presentar oficialmente a proposta, que conta tamén co apoio expreso do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, a Escola Politécnica Superior de Enxeñería da Universidade de Santiago e a Escola Galega da Paisaxe-Fundación Juana de Vega.

 

Os premios que convoca o CSCAE buscan recoñecer cada ano os mellores traballos realizados nos campos da Arquitectura e o Urbanismo, e difundir os valores sociais e culturais desta disciplina ao servizo do interese xeral da cidadanía. En concreto, coa categoría do Premio de Urbanismo Español, que este ano cumpre a súa segunda edición, o obxectivo é poñer en valor a calidade dos traballos de planeamento e urbanización de espazos públicos realizados por equipos profesionais dirixidos por arquitectos españois.

 

Cómpre lembrar que coa aprobación do PBA en xullo do ano pasado Galicia converteuse na primeira comunidade en contar cun instrumento de ordenamento e planificación deste tipo, que senta as bases para acadar unha ordenación urbanística responsable que teña presente a vulnerabilidade, os riscos e as ameazas do territorio, así como as súas potencialidades.

 

Precisamente, a Xunta fundamenta a candidatura do Plan Básico Autonómico ao Premio de Urbanismo Español do CSCAE no carácter novidoso deste documento, pioneiro dentro do panorama urbanístico nacional, así como na ampla participación e no traballo do equipo multidisciplinar que o fixo posible.

 

Por iso, decidiu presentar o PBA á terceira edición dos Premios de Urbanismo Español 2019, un galardón ao que nunca antes concorrera ningún proxecto ou traballo impulsado pola Administración autonómica. O fallo do xurado do CSCAE coñecerase a finais deste mes.

 

Unha década de transformación urbanística

O Plan Básico Autonómico foi a última ferramenta aprobada pola Xunta co fin de consolidar a transformación do urbanismo en Galicia, un proceso iniciado hai unha década e ao que tamén contribuíron a aprobación das primeiras Directrices de Ordenación do Territorio e do primeiro Plan de Ordenación do Litoral, a nova Lei do Solo de 2016 e o seu regulamento e a máis recente publicación da Guía de cor e materiais.

 

En termos urbanísticos, o obxecto principal do PBA é a delimitación das afeccións territoriais derivadas da normativa sectorial en Galicia, acompañado dunha regulación de carácter xeral para os usos do solo e a edificación. En definitiva, trátase dun instrumento de planificación que explora a escala intermedia entre o territorial e o urbanístico poñendo ao alcance de todos os concellos unha ordenación integral do territorio, cunha mellor protección do medio ambiente, do litoral, do dominio público e do patrimonio cultural.

 

Ademais, a aprobación do PBA foi o resultado dun largo traballo de planificación e coordinación territorial impulsado pola Consellería de Medio Ambiente pero para cuxa redacción tamén resultou clave a participación de numerosas administracións públicas, así como axentes económicos e sociais, de ámbito local, provincial, autonómico e estatal, que facilitaron a información territorial necesaria para abordar a lectura e planificación do territorio autonómico dende unha perspectiva integral e sostible.

 

Ese mesmo equipo multidisciplinar comprometeuse a seguir colaborando activamente para a actualización dinámica do documento, de tal xeito que o PBA non sexa unha foto fixa senón un instrumento que mantén o seu valor e rigor informativo e documental, en tempo real.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2019 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress