Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Martes, 10 de septiembre de 2019 | Leída 24 veces

O Pleno aproba por unanimidade destinar os fondos do POs+ adicional á execución dos proxectos do plan especial do IES Agra de Leborís

Crearase unha nova estrada e pistas polideportivas. O alcalde aclarou que as novas infraestruturas non estarán vinculadas ao centro, pero mellorarán os seus accesos e poderán dispoñer das pistas durante o horario lectivo...

[Img #49493]

 

Na sesión extraordinaria do Pleno celebrada onte o único punto da orde do día foi aprobado por unanimidade dos tres grupos políticos con representación na Corporación. Por tanto, houbo consenso para destinar os fondos procedentes da participación na segunda fase do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan Único Concellos POS+2019 Adicional), que ascenden a 564.178,37 euros.

 

Con ditos fondos financiaranse cinco proxectos deseñados polo grupo de goberno local. Tres deles xa estaban previstos como actuacións complementarias do POS+ e aprobadas desde o pasado mes de decembro. Consisten na mellora da sinalización horizontal e vertical en estradas municipais, a renovación das rúas Buenos Aires, Arxentina e Santiago (todas no núcleo urbano da Laracha) e un plan de mellora da rede viaria que afecta ás parroquias de Torás (núcleo de A Gándara), Caión (A Pedreira) e Soandres (Santa Baia).

 

Os outros dous proxectos que agora se inclúen para ser executados con cargo ao POS+2019 consisten no remate de dúas actuacións previstas no plan especial de equipamentos educativos do IES Agra de Leborís.

 

Así, na parte posterior do centro de ensino será creada unha nova estrada de 16 metros de plataforma que enlazará a Avenida Manuel Fraga coa 1ª Travesía Doutor López Astray. A vía será de dobre sentido de circulación e, ademais da pavimentación da zona de rodadura, contémplanse no proxecto beirarrúas, espazos de aparcamento de vehículos, canalizacións soterradas de todos os servizos (pluviais, abastecemento, saneamento, electricidade, telecomunicacións e iluminación pública) e a correspondente sinalización.

 

A carón da nova vía crearase unha pista polideportiva dunhas dimensións de 42x25 metros máis outros dous metros de seguridade. Lonxitudinalmente será marcadas as liñas de xogo para a práctica de fútbol sala e, transversalmente, dúas canchas de baloncesto. A infraestrutura contará con iluminación e cun peche perimetral de malla.

 

O alcalde, José Manuel López Varela, explicou que nese lugar en realidade haberá dúas pistas, xa que ademais da que se financiará con cargo a este programa provincial, o Concello ten en execución a creación doutra pista diferente de características axeitadas para ser usada prioritariamente por nenos. O rexedor tamén aclarou que ambas infraestruturas deportivas non estarán vinculadas ao centro porque están ao seu carón pero por fora, polo que “sería lóxico que desde o instituto puideran programarse actividades nelas durante o horario lectivo, pero fóra del as pistas estarán dispoñibles para o libre uso por parte da cidadanía”.

 

En relación á nova estrada, o concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Jesús Souto, aportou que, ademais de mellorarse as comunicacións, tamén permitirán a creación dun novo acceso ao instituto para os autobuses do transporte escolar, evitando que teñen que dirixirse á entrada principal, o que implica un reforzo da seguridade viaria en toda a zona.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2019 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress