Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Viernes, 6 de septiembre de 2019 | Leída 41 veces

83 Nenos beneficiaranse do servizo Madrugadores no próximo curso escolar

Comezará o 11 de setembro coincidindo co inicio das clases. Actualmente están inscritos 68 usuarios no CEIP Otero Pedrayo da Laracha e outros 15 no CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco...

O vindeiro día 11 de setembro comezará o curso escolar 2019-2020 para os alumnos de educación infantil e primaria. Coincidindo con esa data, por terceiro ano o Concello da Laracha porá en marcha nos centros de ensino Madrugadores, o servizo de axuda á conciliación da vida persoal, laboral e familiar que se presta a través do Programa Harmoniza, cofinanciado polo Concello da Laracha, a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo.

 

Os alumnos que se acolleron a Madrugadores poderán acudir os días lectivos ao centro de ensino no que estean matriculados desde as sete da mañá, onde permanecerán ata o inicio da actividade no colexio ao cargo de persoal especializado e realizando actividades ludorecreativas. Existen diferentes modalidades (mes completo, días soltos e uso ocasional, en todos os casos coa opción de incluír ou non o almorzo), podéndose acoller cada usuario á que mellor se adapte ás súas necesidades. As cotas a aboar por cada usuario variarán tendo en conta precisamente a opción escollida e os recursos económicos de cada familia beneficiaria.

 

Nestes momentos xa hai un total de 83 nenos inscritos en Madrugadores, dos cales sesenta e oito son alumnos do CEIP Ramón Otero Pedrayo da Laracha e quince, do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco. Con respecto ao ano pasado, o incremento é de 16 usuarios, isto é, un vinte e cinco por cento máis que no curso anterior. Nestes dous colexios a totalidade dos solicitantes obtiveron a súa praza. No caso do CEIP de Caión o Concello tamén oferta o servizo, pero sen alcanzarse aínda o mínimo de seis beneficiarios para poder poñer en marcha o programa.

 

Co propósito de comentar todas as cuestións relativas a Madrugadores e aclarar calquera dúbida que poida presentar ao respecto, o Concello da Laracha convocou unha reunión cos pais dos beneficiarios do servizo que terá lugar o próximo luns (9 de setembro) na Casa da Cultura da Laracha a partir das 19:00 horas.

 

Con esta iniciativa o Concello da Laracha dá un ano máis resposta ás necesidades que se lles presentan a cada vez máis familias residentes no termo municipal, para as que a diferenza de horarios entre o inicio da actividade laboral dos proxenitores e a dos centros de ensino para os nenos dificultan a conciliación. Cabe lembrar que o Concello da Laracha tamén ofrece ao longo de todo o ano o servizo gratuíto de aula lúdica municipal para nenos de 3 a 12 anos, estando dispoñible polas tardes durante o curso escolar e polas mañás no verán.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2019 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress