Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Viernes, 26 de julio de 2019 | Leída 20 veces

Galicia rexistra a menor taxa de paro desde 2008 tras ser a terceira comunidade na que máis baixa o desemprego no último ano

A EPA do segundo trimestre do ano reflicte que en Galicia hai máis emprego e menos paro, e case todo o traballo que se creou foi indefinido. A taxa de paro sitúase no 11,33%, superando en 2,69 puntos a media nacional. A Comunidade galega conta co menor número de desempregados dos gobernos de Núñez Feijóo, encadeando máis de cinco anos de baixadas consecutivas do paro na evolución anual. Houbo 34.600 parados menos que no segundo trimestre de 2018: a maior caída nun segundo trimestre desde 2005. A taxa de emprego é a maior nun segundo trimestre desde 2009, sumándose 23.000 ocupados máis no último ano. Tres de cada catro asalariados galegos son indefinidos e 9 de cada 10 ocupados traballan a tempo completo. Acadouse máis emprego entre a mocidade, mentres que a industria foi o sector onde máis medrou a ocupación no último ano. Na evolución trimestral, baixa o paro e sobe o emprego e o número de activos...

[Img #49167]

 

Galicia pechou o segundo trimestre do ano con menos paro e máis emprego de calidade, sendo a terceira Comunidade na que máis baixou o desemprego, tanto en termos absolutos como relativos. A taxa de paro, un 11,33%, é a máis baixa desde que comezou o Goberno de Alberto Núñez Feijóo, superando en 2,69 puntos á taxa media do Estado, que se sitúa no 14,02%.

 

Con 140.400 parados, Galicia tamén conta co menor número de desempregados dos gobernos de Núñez Feijóo. Rexístranse xa máis de cinco anos de baixadas de paro consecutivas na evolución anual con 34.600 parados menos que no segundo trimestre de 2008: a maior caída nun segundo trimestre desde 2005. Ademais, a caída experimentada en Galicia, do -19,77%, supera en 12,33 puntos á baixada media rexistrada en España.

 

Con respecto á taxa de emprego, é a maior nun segundo trimestre desde 2009. De feito, a Comunidade galega suma 23.000 ocupados máis (+2,14%) no último ano, o terceiro maior incremento nun segundo trimestre desde 2007. Este dato sitúa a Galicia a un nivel superior ao reflectido hai 9 anos.

 

O emprego que se crea, ademais, é cada vez de maior calidade, xa que case todo o incremento do emprego foi indefinido. Os asalariados con contrato indefinido crecen en 9.400 persoas (+1,48%), o segundo maior incremento nun segundo trimestre desde 2009 e encadeando dous anos de subidas consecutivas. De feito, practicamente tres de cada catro asalariados galegos son indefinidos e practicamente 9 de cada 10 ocupados traballan a xornada completa.

 

Na evolución anual tamén se rexistraron máis fogares con todos os seus membros cun emprego, medrando nun 4,45%, unha porcentaxe maior que en España (+2,25%), ao tempo que baixa a cifra dos que tiñan todos os seus membros no paro (-13,86%). No Estado a caída nesta variable é inferior á rexistrada en Galicia (-10,81%). Así mesmo, a taxa de paro nos menores de 30 anos é a máis baixa nun segundo trimestre en toda a serie histórica de datos e supera en 5,19 puntos á taxa do Estado.

 

Por sectores, a industria é o ámbito onde máis creceu a ocupación no último ano (+4,7%), seguido da agricultura e a pesca (+4,5%) e dos servizos (+1,8%).

 

Na análise trimestral, o paro decrece nun -8,77% (-13.500 persoas), a maior caída desde 2007, superando a baixada experimentada no Estado en cinco puntos (-3,68%). Descende o paro e a ocupación sobe nun 1,72% (+18.600 persoas). Galicia tamén rexistra unha subida de activos e o número de ocupados entre os menores de 30 anos crece en 9.300 persoas (+8,12%), o maior aumento nun segundo trimestre de toda a serie histórica.

 

Crecemento da man da industria

Os datos da EPA reflicten que a aposta de Galicia polo emprego de calidade está dando os seus froitos. A Comunidade galega medra e faino sobre todo da man da súa industria. A máis industria, máis emprego de calidade. Por iso, a Administración galega está facendo unha aposta clara pola incorporación de novas tecnoloxías, a captación de talento e unha formación adaptada ás necesidades do tecido empresarial para contar cunha Galicia máis preparada, máis innovadora e máis competitiva.

 

A Xunta traballa para contar cun tecido empresarial cada vez máis forte que se anticipe aos cambios do novo modelo industrial e favorecer o talento. Para iso, están en marcha diferentes programas de apoio ao emprendemento, así como a Lei de implantación empresarial. Son iniciativas encamiñadas a consolidar a Galicia como un territorio atractivo para investir, o que repercutirá na creación de emprego. Neste senso, cabe destacar que na Comunidade galega se están executando nestes momentos máis de 2000 millóns de euros de investimentos no sector industrial (PSA, Finsa, Televés, Albo ou Estrella Galicia, entre outros). Ademais, vense de presentar a nova Axenda Industria 4.0 coa que se prevén mobilizar 900M€ e crear 13.500 empregos industriais ata 2022.

 

Así mesmo, para seguir incrementando as oportunidades laborais dos galegos e galegas, estanse a reforzar programas como as Unidades Formativas na Empresa, os obradoiros e programas integrados de emprego ou as iniciativas destinadas a incentivar a formación e a contratación, como é o Galicia Emprega, que con 9,4M€ apoia o traballo dos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego: mulleres, persoas con capacidades diferentes e en risco de exclusión social, mozos e mozas e parados de longa duración. Ademais, estanse destinando preto de 65 millóns de euros para mellorar a cualificación de case 16.800 desempregados a través de 1100 cursos que se levarán a cabo entre 2019 e 2020.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2019 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress