Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Miércoles, 24 de julio de 2019 | Leída 13 veces

A Xunta destinará 730 millóns de euros a soster durante a vindeira década un sistema de transporte público que duplicará a súa cobertura territorial con máis de 3.100 liñas de autobús

Os interesados dispoñen de prazo ata o 23 de agosto para presentar alegacións a un mapa de liñas resultado dun intenso traballo de campo e de consulta cos concellos e usuarios. Os 28 contratos publicados onte abranguen un total de 1.206 liñas, das cales 701 serán de autobús compartido e 627 ofrecerán servizos baixo demanda. En total, cando a renovación integral dos servizos estea en marcha, o 50% dos escolares con transporte será atendido en autobuses compartidos. O Plan de transporte público define os itinerarios e os horarios dos autobuses que percorrerán máis de 60 millóns de quilómetros cada ano e que situarán unha parada a menos de 1 quilómetro do 97% da poboación de Galicia...

[Img #49153]

 

A Xunta destinará preto de 730 millóns de euros durante a vindeira década a soster un sistema de transporte público que duplicará a súa cobertura territorial a través de máis de 3.100 liñas de autobús. Así o trasladou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na rolda de prensa de presentación, hoxe, do inicio do proceso de información pública do mapa de liñas de autobús que completan a renovación do 100% do transporte público galego.

 

Os proxectos que hoxe inician a súa información pública son 28 contratos de transporte público que afectan, fundamentalmente, ás provincias de Pontevedra e A Coruña e que abranguen un total de 1.206 liñas de autobús que percorrerán 32,2 millóns de quilómetros cada ano. Súmanse ás 1.900 que forman os 100 contratos centrados nas provincias de Ourense e Lugo e que xa se atopan en proceso de adxudicación.

 

Desa forma, tal e como sinalou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, en total, o Plan de transporte público de Galicia suporá 61 millóns de quilómetros de servizos de autobús cada ano, o que significa máis que duplicar a cobertura territorial existente hai 3 anos, cando se iniciou esta renovación.

 

Desta forma, o 97% da poboación de Galicia pasará a contar cunha parada de transporte público a menos de 1.000 metros de distancia do seu domicilio.

 

“O transporte público por estrada vai dar mellores solucións de mobilidade e o dobre de solucións de mobilidade que o que se daba hai escasos 3 anos”, trasladou a conselleira, quen sinalou que os interesados dispoñen de prazo ata o 23 de agosto para presentar suxestións a un mapa de liñas que é resultado dun intenso traballo de campo e de consulta cos concellos e usuarios.

 

Ethel Vázquez salientou que neste segundo bloque de contratos, a Xunta volve apostar polo autobús compartido, de forma que das 1.206 liñas de autobús, nun total de 701 será posible aproveitar os asentos baleiros do transporte de escolares. Así, cando a renovación integral dos servizos estea en marcha, o 50% dos escolares con transporte en Galicia serán atendidos con autobuses compartidos.

 

Do mesmo xeito, os novos contratos tamén inclúen a modalidade de servizos baixo demanda, o que está incluído en 627 liñas. Trátase de expedicións ou paradas con baixa ocupación nas que se vai permitir que o autobús ou o taxi só preste servizo cando estea asegurado que vai haber pasaxeiros.

 

En relación cos postos de traballo, estas liñas de transporte mobilizan un total de 1.200 empregados, dos cales a terceira parte son condutores e o resto monitores acompañantes. A este respecto, a conselleira destacou que as cláusulas sociais do total do Plan de transporte público ofrecen todas as garantías para un mínimo de 3.182 postos de traballo directo.

 

Achega económica da Xunta

A nova fase do Plan de transporte público está composta, como a anterior, por contratos cunha vixencia de 10 anos e, neste caso, prevén un volume de negocio de 56 millóns de euros ao ano, dos cales o 41% se corresponden con achegas da Administración autonómica.

 

A conselleira lembrou que nos contratos do primeiro bloque a achega económica da Xunta supuña o 80% do total e neste segundo baixa ata o 41%, como consecuencia de que nas liñas das áreas máis urbanas o peso dos ingresos por venda de billetes é maior que no rural. "É dicir, que o transporte no rural galego non pode sosterse economicamente coa venda de billetes e, polo tanto, a Xunta realiza un maior esforzo económico para blindalo”, sinalou Ethel Vázquez.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2019 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress