Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Jueves, 27 de junio de 2019 | Leída 26 veces

Ethel Vázquez avanza o inicio a finais de ano das obras do Centro Integral de Saúde no Barrio da Residencia de Lugo

Vázquez Mourelle concreta que as empresas interesadas nesta actuación poderán presentar as súas ofertas ata o día 31 de xullo. Detalla que a nova infraestrutura aproveita o antigo hospital materno-infantil para acadar un edificio de máis de 8.000 m2 distribuídos en 6 plantas e que contará con centro de saúde, PAC e urxencias, área para Saúde Mental e unha base para o 061. Precisa que este centro integrado de saúde, que será o primeiro de Galicia, disporá de espazos de circulación e de zona de espera, con grandes entradas de luz natural e vistas nun edificio máis moderno e actual. Indica que esta actuación tamén suporá a urbanización do ámbito do edificio e as súas áreas de contacto coa cidade para reordenar os accesos...

[Img #48942]

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e o xerente da Xestión Integrada de Lugo, Ramón Ares, avanzou o inicio a finais de ano das obras do Centro Integral de Saúde do Barrio da Residencia, onde a Xunta investirá máis de 30 millóns de euros para converter a zona nunha referencia en servizos á cidadanía.

 

Vázquez Mourelle presentou o primeiro edificio do Barrio da Residencia, licitado hoxe por 12 millóns de euros. Explicou que esta actuación é promovida pola Consellería de Sanidade, pero se executará desde a Consellería de Infraestruturas e concretou que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o día 31 de xullo.

 

Detallou que esta nova infraestrutura aproveita o antigo hospital materno-infantil, mantendo a súa finalidade sanitaria. Trátase dun edificio de máis de 8.000 metros cadrados, distribuídos en 6 plantas e que contará con centro de saúde, servizo de PAC e urxencias, área para Saúde Mental e unha base para o 061.

 

A responsable de Infraestruturas concretou un prazo de execución de 20 meses para o que será o primeiro Centro Integrado de Saúde de Galicia. Destacou os espazos de circulación e de zona de espera, xa que terán grandes entradas de luz natural e vistas, buscando sempre unha imaxe limpa e innovadora para aportar unha visión dun edificio máis moderno e actual.

 

Ademais, esta actuación no CIS de Lugo encárgase tamén de definir a urbanización do ámbito do edificio e as súas áreas de contacto coa cidade co obxectivo de reordenar os accesos ao novo centro sanitario.

 

Apuntou que esta intervención para estar completa precisa da implicación do Concello de Lugo, para o que é necesario intervir de xeito acorde nas rúas adxacentes a este ámbito e prever unha mobilidade axeitada para cando os novos servizos entren en funcionamento.

 

A intervención forma parte do proxecto do Goberno galego neste barrio, que inclúe edificacións para servizos públicos, fundamentalmente do ámbito socio-sanitario como este centro de saúde e a nova residencia da 3ª idade, promovida pola Consellería de Política Social e que se levantará sobre parte da parcela do antigo hospital que se está demolendo.

 

Esta actuación tamén incluirá a dotación da zona de aparcamento de todo o ámbito, xa que está previsto que se habiliten máis de 100 prazas baixo o que será a futura residencia.

 

Proxecto ambicioso na Residencia

Ethel Vázquez subliñou que o centro de saúde é o primeiro edificio a rehabilitar neste Barrio da Residencia, co que se marca un novo fito para lograr o obxectivo final de recuperar unha zona con moito valor para os lucenses despois de que, hai oito anos, se fixera efectivo o traslado do antigo Hospital Xeral ao novo HULA.

 

Salientou que esta aposta do Goberno galego se traduce nun investimento total de máis de 30 millóns de euros para poñer á disposición dos lucenses case 21.000 metros cadrados dun novo espazo social no barrio.

 

Concretou que se contemplan, entre outros servizos, unha nova residencia de maiores, unha comisaría, unha oficina de emprego, unha central de biomasa -que dará servizo ao complexo-, e un centro de emprendemento, ao tempo que se xeran zonas verdes que garanten unha integración de calidade neste entorno.

 

Sinalou que se manterá a estética e se eliminarán as barreiras que impiden conectar dúas zonas da cidade, ao conectar a rúa Serra de Outes coa rúa Orquídea a través dun espazo máis humano e agradable.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2019 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress