Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Sábado, 8 de junio de 2019 | Leída 8 veces
CAMBRE

Medio millar de escolares participan na elaboración do PXOM

Nos vindeiros días celebrarase o último encontro de futuro, concluíndo así a primeira fase do proceso…

Recentemente tivo lugar o último encontro escolar, dos 19 que foron planificados. Nestas xornadas, dirixidas a 19 grupos dos distintos colexios e institutos do municipio, participaron un total de 500 alumnos e alumnas dende 4º de Educación Primaria ata 2º de Educación Secundaria Obrigatoria.

 

A través dunha serie de dinámicas participativas, o alumnado formulou cales eran as necesidades, demandas e propostas para mellorar o concello “con ollos de neno e de nena”, como diría o pedagogo italiano Francesco Tonucci.

 

O estudantado amosou fundamentalmente unha grande preocupación polo medio ambiente e polas zonas verdes. Así, cando se refiren a aspectos positivos, destacan os espazos verdes, tanto aqueles construídos (como poden ser os parques) como as contornas naturais (en especial, o río Mero). Tamén en canto aos aspectos negativos aparecen amplamente representadas cuestións referidas ao medio ambiente: a contaminación en múltiples facetas (atmosférica, acústica, en espazos concretos...), o uso abusivo do automóbil privado ou a existencia de lixo no espazo público, entre outros. Tamén, apareceron outras cuestións, como son as seguintes: espazos de ocio, instalacións culturais e deportivas, mobilidade sostible e limpeza.

 

En definitiva, as rapazas e rapaces tiveron a posibilidade non só de valorar o presente do municipio, senón tamén de imaxinar como sería o ideal a acadar nos próximos anos. Deste xeito, o PXOM integrará as achegas realizadas por este alumnado, podendo converterse nunha ferramenta fundamental para contribuír á solución dos retos formulados.

 

Ademais, tras a realización dos encontros escolares, un dos colexios, o CEIP Gonzalo Torrente Ballester, decidiu darlle continuidade a este proceso traballando en máis profundidade ao respecto do PXOM. Deste xeito, o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria deste centro realizou unha serie de traballos grupais no que recollen propostas de mellora en materia de urbanismo, principalmente vinculados a temas de fomento de desprazamentos activos (concretamente, peonís) e de dotación de equipamentos deportivos. Proximamente, persoal técnico e político do Concello asistirá a unha xornada de presentación destes traballos organizada polo alumnado do CEIP Gonzalo Torrente Ballester.

 

Por outra banda, o próximo luns 10 de xuño terá lugar o cuarto e último encontro de futuro, aberto a toda a cidadanía, que versará sobre “áreas económicas, vivenda e integración na área metropolitana”. Neste, as persoas que asistan terán a posibilidade de debater entre si ao redor desas temáticas, así como de trasladar as súas necesidades e demandas ao equipo redactor do Plan Xeral. Tras a realización deste encontro, darase por concluída a primeira fase de elaboración de dito documento, pechándose tamén as ferramentas telemáticas postas a disposición da cidadanía na páxina web do Concello, isto é: a caixa de propostas (no que se poden realizar achegas premendo no seguinte enlace) e a consulta pública (que se pode cubrir a través deste enlace https://bit.ly/2OaMcS4). A partir dese momento, iniciarase a segunda fase, de Estudo Ambiental Estratéxico e do Plan Xeral de Ordenación Municipal para a súa aprobación inicial, a cal tamén será aberta á cidadanía a través da exposición pública e o período de consultas.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2019 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress