Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Domingo, 26 de mayo de 2019 | Leída 7 veces

7 Días en galego... ou máis

O mes de maio no IES Afonso X o Sabio está pintándose de galego. Por iniciativa do Departamento de Lingua e Literatura Galegas e o EDLG, en diferentes cursos lévase a cabo a proposta de realizar o reto de falar en galego durante sete días, ou mesmo 21, da mañá á noite, en todos os ámbitos; é sabido que a zona está moi desgaleguizada e a lingua ten un uso practicamente nulo entre as xeracións novas, pero a situación está cambiando, en principio por sete días…

Seguindo os pasos da iniciativa dos 21 días en galego iniciado por Pilar Ponte, do IES da Póboa do Caramiñal, o éxito da actividade no IES Afonso X de Cambre supera as expectativas máis optimistas. Nos recreos xa é habitual escoitar grupos de alumnos e alumnas a falaren en galego, polos corredores, e mesmo polas tardes, nas rúas e nas tendas da Barcala, o Temple ou Cambre.

 

Os primeiros sorprendidos foron os propios participantes no reto, pois ignoraban que houbese tanta xente que coñece a lingua e que é quen de falala: “Faleille en galego a miña avoa e contestoume en galego moi contenta”, “Non sabía que miña nai falase galego, e fálao moi ben!”, “A caixeia do súper respondeume en galego sorrindo”, explica o alumnado, moi sorprendido da reacción positiva da veciñanza: “Un home pola rúa escoitoume falar cun amigo e díxolle a outro que había ben tempo que non escoitaba aos rapaces falar en galego”.

 

Nas clases tamén se nota o cambio, e parte do profesorado súmase á iniciativa tras a sorpresa inicial, respondendo en galego ao alumnado, impartindo nesta lingua unha parte da clase, ou dando a clase en galego durante sete días. O principal cambio é o ambiente que se crea nas aulas onde o galego pasou a ser a lingua empregada maioritariamente: “Estámolo pasando moi ben con este reto”, “Como todos o falamos, xa nos sae sen darnos conta”, “Pásame algo raro, creo que xa penso en galego” ou “Canto máis o falas, máis fácil é!”, son atinadas conclusións ás que o propio alumnado está chegando a partir da propia experiencia, admirados de que tan só un par de días falando en galego teñan un efecto tan evidente e satisfactorio.

 

Practicamente ninguén reaxiu negativamente, o cal dá pé a pensar que os prexuízos lingüísticos, tan presentes nas xeracións anteriores, teñen menos peso nesta xeración, xa que para a maioría da rapazada o galego non vén sendo máis que unha materia escolar que hai que aprobar. Esperemos que aos sete primeiros días sigan outros sete e sete máis, e que se cumpran as palabras que alguén lle dixo a unha alumna estes días nunha rede social: “Ti falando galego! Flipo! Estamos cambiando o mundo!”.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2019 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress