Denuncia graves diferenzas no servizo por parte da Xunta, que dedica entre os 20,8 e os 410 euros por neno en función do territorio

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, esixiulle hoxe á Xunta que garanta a Atención Temperá á totalidade dos nenos e nenas de 0 a 6 anos que o precisen. Ortega fixo esta petición a través dunha iniciativa na Comisión de Sanidade que se reuniu hoxe no Parlamento, pero que foi rexeitada polo voto en contra do PP.

A responsable socialista lembrou que a Xunta “ten a competencia e a obriga moral” para atender a tódolos pequenos que o precisen, pero “ten que ter ademais a responsabilidade e a sensibilidade” para prestar un servizo que actualmente está “mal dimensionado e mal repartido”. Ortega levou ao Parlamento as demandas da xunta directiva da Asociación Galega de Atención Temperá, que alertaba da desigualdade nas prestacións dos pequenos en función da súa residencia.

Trasladou a súa preocupación pola “concepción que ten o PP da Atención Temperá” logo de que a portavoz daquel partido afirmara que o servizo sería prestado “a calquera alcalde que o solicite”. Cualificou de “lamentable” que “teñamos que escoitar que malia que un neno teña problemas de saúde e unha prescripción facultativa, dependa de que o alcalde ou alcaldesa pida o servizo”, e  advertiu que “vamos aviados”, cando a competencia de incrementar as unidades é da Xunta.

Advertiu da “deficiente planificación dos servizos”, con concellos nos que o goberno galego inviste ata 20 veces máis cartos por cativo que outros para o mesmo servizo. De acordo cos últimos datos dispoñibles, a Xunta inviste 20,8 euros en Ferrol, 95,11 na agrupación de Dumbría, Camariñas, Carnota e Cee, e ascende ata os 410 euros por cativo ou cativa en Negreira e Val do Dubra.

Marina Ortega urxiu un informe detallado e actualizado das necesidades da poboación para optimizar “con raciocinio” os recursos á primeira infancia en base á poboación, xa que neste momento “non se está a facer con rigorosidade”. Criticou que a Xunta alegue que os alcaldes ou alcaldesas non soliciten a atención, “cando a competencia é do goberno galego”, que condiciona a atención e a saúde ás solicitudes dos concellos, cando “o goberno pode e debe” prestar o servizo.

Reiterou que “o importante é que os nenos e nenas necesitan o servizo, non que o pida o alcalde ou alcaldesa”, polo que lle reclamou ao goberno galego que realice un estudo sobre a poboación diana para a atención temperá en Galicia, e a continuación incrementar o número de unidades en función das necesidades reais. Considera “urxente coñecer a situación real e fixar o obxectivo do cen por cen de poboación atendida de 0 a 6 anos” e equilibrar o investimento no territorio.

Pediulle ademais á Xunta un informe co número total de menores atendidos polo servizo, así como a patoloxía ou causa que fai que necesiten do servizo, ademais de “optimizar a rendibilidade do investimento e a cobertura asistencial de toda a poboación infantil que o precisa”. Tamén reclama “estudar as necesidades de atención postemperá e impulsar a coordinación de Política Social coas consellerías de Educación e Sanidade” para atender a estes menores.