Hoxe empezaron a funcionar o padrón de habitantes e o rexistro municipal, os primeiros servizos que puideron restablecerse tras o ciberataque ao Concello de Carballo na madrugada do mércores

Tamén nesta xornada, os expertos despregados pola Axencia de modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega) e as empresas que prestan apoio informático ao Concello de Carballo comezaron a revisar os terminais situados nos servizos periféricos (Servizos Sociais, Fórum Carballo, Pazo da Cultura, Museo de Bergantiños e Carballo Deporte) coa finalidade de determinar se a incursión cibernética causou algunha afección ou non. Neste último caso poderían empezar a funcionar en breve cunha nova conexión á rede.

Hoxe celebráronse dúas xuntanzas de traballo coas persoas responsables de cada sección para darlles a coñecer a situación e establecer un sistema provisional que permita realizar os trámites máis urxentes, á espera de que ao longo da vindeira semana poida empezar a recuperarse a normalidade.

Tamén se recibiu hoxe unha boa nova dende Altia, a empresa responsable dos servizos de almacenamento e copia de seguridade, xa que esta última non resultou afectada polo ciberataque. De xeito paralelo continúa a investigación por parte da unidade orgánica da Policía Xudicial da Garda Civil da Coruña sobre o ataque cibernético.

Dende o Concello de Carballo queremos trasladar o noso recoñecemento a todo o equipo técnico que está a traballar sen pausa pero sen présa para que a volta á normalidade se realice coa máxima seguridade, ao tempo que agradecemos todas as mostras de apoio que se están recibindo dende que se tivo coñecemento do ciberataque.