A Copa 5×5 Deputación da Coruña – Balonmán na Rúa leva o balonmán ás rúas de sete concellos da provincia, nun proxecto dirixido a nenas e nenos de 6 a 11 anos, que se achegarán ao balonmán dunha forma lúdica e divertida.

Culleredo será esta fin de semana a sede dunha nova xornada do torneo, no que compiten 24 equipos de nenos e nenas entre os 6 e os 11 anos.

“Estou segura de que levar este deporte á rúa fará que moitos nenos e nenas o descubran e se animen a practicalo. A nosa idea é crear un evento importante para que a xente goce do espectáculo do balonmán, onde temos unha gran canteira con deportistas”, afirmou a deputada de Deportes, Cristina Capelán.

Para o torneo disporase na praza da Igrexa de Vilaboa unha pista de mini-balonmán ao aire libre, con bancadas para 250 persoas para que familias e afeccionados poidan gozar vendo en acción aos máis pequenos/as.

A pista disporá de marcador electrónico, unha gran pantalla LED, megafonía, speaker e comentaristas, emisión en directo en streaming e dron para as tomas aéreas do evento, configurando un gran espectáculo para toda a familia no que os pequenos e pequenas deportistas serán protagonistas.

O alcalde e deputado provincial de Emprego e Transición Ecolóxica, José Ramón Rioboo, será o encargado de entregar os premios aos equipos gañadores este domingo ás 14.00 horas.