Terá lugar o luns, 13 de marzo, no Teatro Colón da Coruña

A Deputación da Coruña organiza a xornada “A Lei de contratos do sector público cinco anos despois” no Teatro Colón da Coruña, o vindeiro luns 13 de marzo, para destacar a importancia da contratación pública como motor da economía 5 anos despois da posta en marcha da Lei 9/2017 de contratos do sector público.

A Deputación ten como obxectivo analizar a experiencia derivada da súa aplicación e reflexionar sobre os seus aspectos positivos, pero tamén sobre aquelas cuestións que poidan ser melloradas, considerando a importancia da contratación pública como instrumento de dinamización da economía, creador de emprego e a súa aplicación en diferentes en criterios ambientais, sociais e éticos no marco da contratación estratéxica.

A xornada será inaugurada polo presidente provincial, Valentín González Formoso. A dirección da mesma corre a cargo do deputado de Contratación Xosé Lois Penas Corral, e o coordinador será o xefe do Servizo de Patrimonio e Contratación da Deputación, Luis Jaime Rodríguez Fernández.

Durante o evento levaranse a cabo cinco conferencias e tres mesas redondas, onde expertos sobre contratos de España darán conta das súas investigacións e debaterase sobre as estratexias que se deberán levar a cabo no futuro.

Unha contratación xusta para un emprego de calidade, medidas sociais, éticas e ambientais na contratación, como facilitar a participación das pemes na contratación pública, os retos da dixitalización e dos fondos Next Generation serán algunhas das temáticas que se abordarán no congreso.

Pódese consultar a programación completa na web da Deputación da Coruña.

A xornada dirixida a persoal das administracións públicas, cargos electos, empresarios/as, estudantes e persoas interesadas en xeral, que poden realizar a súa inscrición a través da web de forma gratuíta ata o vindeiro sábado 11 de marzo. As persoas asistentes recibirán un certificado de asistencia.