A Deputación da Coruña licita por 893.873 euros as obras de construción da nova ponte da estrada DP 8001 sobre o río Mandeo, no termo municipal de Sobrado dos Monxes, que completarán as obras de ancheamento e mellora da seguridade xa executadas pola Deputación no resto do vial, que pasou dunha anchura de entre 4 e 5 metros aos 8 metros de plataforma, mellorando notablemente a súa seguridade
As obras executaranse no punto quilométrico 3+100, unha ponte de 12 metros de longo e unha anchura de apenas 5 metros, o que impide o uso do vial nos dous sentidos de circulación simultaneamente.
A ponte actual será demolida para ser substituída por unha nova de vigas prefabricadas sobre formigón armado. Esta mellora permitirá dotar á ponte dunha plataforma de máis de 9 metros, con carrís de circulación de 3,5 metros en cada sentido, bermas de 0,50 metros e unha beirarrúa de 1,80 metros de ancho para facilitar a circulación peonil sobre a ponte en condicións de seguridade.
Segundos os datos do servizo de Vías e Obras, a ponte rexistra un tráfico diario de 388 vehículos ao día, o 12% deles vehículos pesados.
O proxecto inclúe a renovación da sinalización e os sistemas de contención da estrada e a restauración paisaxística da zona, incluíndo a demolición dos tramos de estrada que quedan fóra do novo trazado e a revexetación dos mesmos con especies arbóreas autóctonas.
O prazo de presentación de ofertas remata o 22 de maio.