“A Copa 5×5 Deputación da Coruña – Balonmán na rúa” chega esta fin de semana á súa segunda sede, Cerceda (Campo da Feira da Silva), coa experiencia do éxito acadado hai sete días en Carballo. A Copa 5×5, promovida pola Deputación e organizada pola Federación Galega de Balonmán, leva o balonmán ás rúas de sete concellos da provincia da Coruña, nun proxecto dirixido a nenas e nenos de 6 a 11 anos, que se achegarán ao noso deporte dunha forma lúdica e divertida.

A competición de Cerceda, que comezará mañá venres (a partir das 16:30 horas), contará con 24 equipos (12 na categoría benxamín e 12 alevín) e preto de 200 rapaces e rapazas, que van desfrutar do balonmán nun entorno diferente. Xogarán nunha pista de mini-balonmán ao aire libre con bancadas para 250 persoas para que familias e afeccionados poidan gozar vendo en acción aos máis pequenos/as. A pista conta con marcador electrónico, megafonía e speaker. Ademais o domingo retransmitirase por streaming toda a xornada, na que se xogarán as semifinais e as finais.

A Copa 5×5 Deputación da Coruña – Balonmán na Rúa conta con sete probas clasificatorias (Carballo, Cerceda, Ferrol, Muros, Arzúa e Ribeira) e a gran final, que se disputará en Camariñas, coa participación dos seis campións das probas anteriores.
Os equipos participantes deberán ter un mínimo de 5 integrantes ademáis dun/ha responsable (de máis de 16 anos). Todas e todos os participantes recibirán unha equipación conmemorativa e os dous primeiros clasificados de cada proba en cada categoría recibirán un trofeo e medallas para todos os integrantes do equipo.

  • Facebook
  • Twitter