Martes, 21 junio 2011

Alumnos do Centro Superior de Hostalería de Galicia iniciaran as prácticas en establecementos de todo o mundo

Enviar por email

Un total de 330 alumnos do Centro Superior de Hostalería de Galicia farán prácticas este verán en hoteis e restaurantes de España e doutros 17 países...

[Img #10972]Os alumnos do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) acaban de iniciar as súas prácticas de verán en establecementos hostaleiros de todo o mundo. En total, son 330 alumnos que fan prácticas en hoteis de toda España (Galicia, Andalucía, Baleares, Cataluña, Madrid, Canarias, Levante, Asturias, País Vasco ou Extremadura) e noutros países como Portugal, Francia, Inglaterra, Irlanda, Italia, Alemania, Bélxica, Holanda, República Checa, Mónaco, Chipre, Croacia, Xamaica, República Dominicana, México e Chile.


A estadía nestas empresas é unha parte importante da formación do CSHG e forma parte do expediente académico dos estudantes. O obxectivo principal é que o alumno coñeza en profundidade os departamentos operativos (servizos, cociña e aloxamento) e de xestión de hoteis, perciba a realidade do sector e poña en práctica os coñecementos adquiridos durante o curso para adaptalos á realidade hostaleira.


O proxecto nace do entendemento entre o Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) e as empresas. O centro asina convenios de colaboración con estas compañías e os seus responsables de recursos humanos visitan as instalacións situadas na Barcia, en Santiago de Compostela. Deste xeito, varias das firmas hostaleiras máis importantes do mundo acudiron ao CSHG entre xaneiro e marzo para presentarlles aos estudantes os seus establecementos e a súa oferta de prácticas.


O plan de estudos do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) estipula a obrigatoriedade de facer prácticas tódolos anos en establecementos hostaleiros. O centro recomenda que, polo menos, un ano sexa no estranxeiro e outro na costa española do Mediterráneo ou nas illas Baleares ou Canarias. A estadía nas empresas varía segundo a titulación.


As cadeas hoteleiras máis importantes
Ademais de facer as prácticas en hoteis e restaurantes independentes, os alumnos permanecen durante o verán en establecementos de cadeas hostaleiras de recoñecemento mundial: Barceló, NH, Sol Meliá, Fiesta, Marriott, Sheraton, Vincci, Ritz-Carlton, Hilton, Catalonia, AC, Sofitel, Riu, Thistle, Hesperia, Eurostars, Confortel, Accor, Abba, Rafael Hoteles, Diamond Resorts International, Riu, Radisson, Atlántica Hotels & Resorts, Thi Collection, Intercontinental, Paradores, Husa, Iberostar, Vienna International Hotels & Resorts, Globalia, H10, Novotel, Hyatt e Mandarín.


Os alumnos de Certificado de Elaboración e Xestión en Cociña están de prácticas en departamentos de cociña e en restaurantes, algúns deles con estrela Michelin, como é o caso de Akelarre, Calima, Alborada, Skina, Casa Solla, Cenador de Amós, Real Balneario, La Estación de Cambre, Es Molí D´en Bou, Etxanobe e Zuberoa.


En Galicia, a maioría dos establecementos hostaleiros reciben alumnos do CSHG para as practicas de verán. No primeiro ano de titulación, moitos dos estudantes elixen un destino próximo a súa casa e optan pola comunidade galega pola alta cualificacion dos seus establecementos.


Este período nas compañías hostaleiras forma parte do proceso formativo do CSHG. Para levar un control da estadía, o titor visitará ao alumno no establecemento durante o verán. Ao finalizar as prácticas, o CSHG determinará a nota de prácticas en base á avaliación feita no propio centro de traballo e despois de recibir os informes que o estudante e o titor da empresa deben presentar.

¡Deje su comentario!
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2012 • Todos los derechos reservados.
POWERED BY FOLIOePRESS