O pai da innovación aberta, Henry Chesbrough, presentou onte en Santiago de Compostela o seu último libro ‘Innovación de servizos abertos’, traducido ao castelán e ao galego...
A Consellería de Economía e Industria incentivará as iniciativas de innovación aberta por parte das empresas galegas polo seu potencial para obter diferencias competitivas e contribuír así a un posicionamento vantaxoso no mercado. Así o expuxo onte pola mañá o director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla, durante a presentación en España do último libro de Henry Chesbrough, coñecido como o pai da innovación aberta por ter acuñado este concepto a principios da década pasada.
Chesbrough, director executivo do Centro de Innovación Aberta da Haas School of Business da Universidade de California, Berkeley (EE.UU.), afirmou durante a presentación en Santiago de Compostela de ‘Innovación en servizos abertos’, que a Xunta de Galicia demostra unha gran capacidade de visión estratéxica ao incluir no Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (I2C) 2011-2015 liñas específicas de soporte á innovación aberta nas empresas.
O I2C é o primeiro instrumento de política de innovación da Administración autonómica que contempla o impulso da innovación aberta, unha estratexia pola que os procesos de innovación saen dos departamentos de I+D das empresas para dar lugar a procesos baseados na colaboración a partir de achegas externas. Nos últimos anos foron moitas as empresas do mundo que adoptaron esta fórmula para gañar en competitividade. Así, Coca-Cola, Nike, Intel, Procter&Gamble, Lego, Starbucks ou Peugeot son algunhas das que recorren a clientes, provedores, distribuidores e mesmo competidores para mellorar os seus produtos, introducir outros novos, optimizar os seus procesos ou solucionar problemas.
A través do eixo estratéxico titulado ‘A innovación como motor de crecemento’, o I2C pon en marcha o ‘Programa xeral de modelos colaborativos de innovación: innovación aberta’. No marco deste programa desenvólvese a liña de actuación de fomento de dinámicas de proxectos baseados na innovación aberta e outra de impulso a dinámicas de innovación aberta para a creación de novas empresas. Tamén a dedicada á creación dunha rede de axentes facilitadores de propostas de proxectos colaborativos de I+D+i, ademais de outra para o fomento da participación en programas colaborativos de I+D+i por parte dos sectores estratéxicos galegos e unha última de promoción da colaboración con axentes de intermediación global de innovación.
Segundo explicou o director durante a presentación, a pesar de que os datos
evidencian a bondade e efectos que ten o investimento en I+D+i nos resultados
empresariais, un dos elementos que caracterizan a actividade en Galicia é a
debilidade da innovación no sector privado. Da caracterización do tecido
empresarial galego dedúcese a existencia dun número reducido de empresas con
capacidade de investir en innovación debido á súa reducida dimensión e estrutura
de recursos, orientados fundamentalmente a tarefas de comercialización e
produción. Esta circunstancia vese reflectida nos mecanismos de xestión da
innovación, xa que son poucas as que dispoñen de mecanismos adecuados para
sistematizar o proceso innovador dentro da actividade habitual da empresa. Neste
contexto, o I2C pon o foco na promoción da innovación aberta polos seus
beneficios a nivel de custos (máis reducidos ca manter un departamento de I+D+i
exclusivo) e de eficiencia nos resultados, xa que en moitas ocasións as ideas
novas son máis doadas de detectar por exemplo para os consumidores dos servizos
e produtos que para o propio persoal da empresa.
Henry Chesbrough
Henry Chesbrough é, ademais de director executivo do Centro de Innovación Aberta da Haas School of Business da Universidade de California, profesor adxunto nesta mesma institución. Con anterioridad, ensinou na Harvard Business School. Está doutorado pola Universidade de California e ten un MBA en Yale e outro en Standford.
Os asistentes á presentación do seu último libro, ‘Innovación de servizos
abertos’, traducido ao español e ao galego, recibiron un exemplar da obra, na
que Chesbrough formula as súas receitas para innovar nunha economía de servizos
coma a actual, de maneira que as empresas poidan reinventar os seus negocios e
competir na nova era.