Estase instalando un novo pavimento de granito na zona da entrada á casa reitoral. Na fronte do mosteiro será colocado adoquín, diferenciando a zona de tránsito da que dá acceso ao edificio. Paralelamente continúase avanzando nas obras de Vilaño e de Montemaior...
O
Obradoiro de Emprego Laracha IV comezou a traballar no entorno do
mosteiro de San Pedro de Soandres para dotar a este ámbito cun novo
pavimento que ennoblecerá a zona na que se sitúa o máis importante
elemento do patrimonio arqueolóxico do Concello da Laracha.
Trala autorización da Dirección Xeral de Patrimonio, e sempre realizándose os traballos baixo a supervisión de técnicos arqueólogos, as obras comezaron a executarse nun dos laterais do mosteiro, no acceso á casa reitoral.
Con este proxecto crearase unha praza peatonal arredor do mosteiro de San Pedro de Soandres, o cruceiro e a fonte, cun pavimento en granito que permitirá ennoblecer a zona situada xunto ao templo e resaltar a beleza e importancia da edificación.
Na área de actuación tamén serán creadas zonas axardinadas, colocado mobiliario urbano e mellorada a iluminación exterior. Tamén se realizaron melloras nas redes de saneamento e abastecemento de auga, foi construída a rede de recollida de pluviais e canalizáronse subterraneamente a telefonía e a electricidade, permitindo eliminar o cableado áéreo nas proximidades do templo.
Este proxecto dará continuidade ao que foi realizado polo anterior obradoiro de emprego, desenvolvido entre os anos 2007 e 2008, e que consistiu na creación dunha praza pública moi preto do propio mosteiro de Soandres e a restauración do muro de pedra situado no entorno do templo, creándose unha ampla praza pública e acondicionando o ámbito que alberga os máis importantes eventos sociais, culturais e festivos da parroquia de Soandres.
Ademais da obra no entorno do mosteiro de San Pedro de Soandres, o Obradoiro de Emprego Laracha IV continúa avanzando na execución dos outros dous proxectos, consistentes na creacións das prazas públicas nos igrexarios de Vilaño e de Montemaior.