Jueves, 18 marzo 2010

Medio Ambiente xestionará 1,2 millóns de euros para mellorar o abastecemento a varias parroquias de Cabana

Enviar por email

Construirase unha estación de tratamento de auga potable, un depósito de 1.000 metros cúbicos de capacidade e unha nova captación no río Anllóns...

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publicó onte no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación das obras de abastecemento de auga ás localidades de Nantón e Añós, en Cabana de Bergantiños. A Xunta de Galicia xestionará un orzamento de case un millón de euros para levar a cabo as obras de mellora na rede de abastecemento a varias parroquias de Cabana e que tamén servirá á zona na que se implantará o futuro Parque Empresarial da Costa da Morte, no concello de Cabana de Bergantiños.

Cómpre sinalar que as presentes actuacións están enmarcadas nun convenio de colaboración técnico financeiro entre a Xunta e este concello coruñés. O orzamento total desta obra ascende a 1.199.597, dos cales o Goberno autonómico xestionará o 80 por cento do importe da actuación, mentres que o concello asumirá o 20% restante.

Esta actuación tamén garantirá a subministración ás zonas de Nantón e Añós, uns núcleos do Concello de Cabana que suman unha poboación de 1.500 habitantes. A acción hidráulica que se levará a cabo consiste na execución dunha nova captación de auga no río Anllóns e unha Estación de Tratamento de Auga Potable (Etap). O prazo previsto para a execución destas obras é de 6 meses.

Na actualidade, as necesidades de abastecemento da zona resólvense de forma individualizada e particular, mediante pozos ou captacións en mananciais. Esta situación provoca unha subministración totalmente deficiente, escasa de caudal e de calidade. Ademais, a futura implantación do Parque Industrial provocará unha maior demanda. Con este proxecto levaranse a cabo as actuacións necesarias para garantir a subministración de auga á poboación, en calidade e cantidade.

Características técnicas
Concretamente, nas obras de captación farase unha toma mediante dous pozos filtrantes en paralelo con dúas bombas de 7,35 KW protexidas por unha rella de limpeza automática e grupo antiariete, capaces de elevar 100 m3/h. a 21 metros de altura, deixando prevista a situación para unha terceira bomba do mesmo tipo. O tempo medio de funcionamento é de 8 horas diarias.

A Etap situarase preto da captación, con capacidade para 100 m3/h. e consta de entrada de auga bruta, cámara de mistura con dosificación de reactivos, precloración, decantación, filtración, esterilización por ultra violeta, post-cloración e saída ao depósito de auga tratada a través de 5.215 metros de impulsión, cun bombeo de bombas capaces de elevar 100 m3/h a 310 metros de altura, deixando prevista a localización para unha terceira bomba do mesmo tipo.

O depósito de auga tratada farase en formigón armado con dous vasos de 1.000 m3 de capacidade total, con cámara de chaves anexa. O conxunto bombeo-depósito dotarase de mecanismos de telemando e telecontrol, e peches perimetrais con rede metálica. Por último, a rede de distribución será de case 2.000 metros de tubaxe. Así mesmo, levarase a cabo a reposición dos pavimentos e servizos afectados por esta obra.
¡Deje su comentario!
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2013 • Todos los derechos reservados.
POWERED BY FOLIOePRESS