A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, presentou hoxe as novidades da iniciativa entre as que destacou a reserva de 100 prazas para persoas con discapacidade na modalidade de turismo termal...
![[Img #1882]](upload/img/periodico/img_1882.jpg)
A Consellería de Traballo e Benestar oferta este ano no seu programa de turismo social 3.389 prazas, 500 máis que en 2009. Así, o investimento ascenderá a máis de 1.250.000 euros. Un total de 2.689 prazas corresponden á modalidade de turismo termal, 240 van destinadas ao de praia, unha opción que se retoma este ano, 200 a turismo de intercambio con Portugal e 260 para persoas de asociacións de maiores da nosa ou doutras comunidades autónomas do Estado que estean interesadas en conmemorar o Ano Xanto xacobeo. O prazo de presentación de solicitudes rematará o próximo 10 de abril.
A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, presentou hoxe as novidades da iniciativa entre as que destacou a reserva, por primeira vez, na modalidade de turismo termal de 100 prazas para persoas con discapacidade (50 no balneario de Cuntis e as restantes 50 no de Arnoia).
A estadía para estas persoas será de catro días e serán as federacións e asociacións do colectivo de discapacitados os que xestionen o programa. A achega do usuario por quenda será de 62 euros, sendo por conta das asociacións e federacións a organización e financiamento do traslado desde o domicilio ou centro ata o balneario ou viceversa, así como o dos monitores que acompañen a cada grupo.
Outra das novidades que resaltou Mato foi a oferta de 260 prazas para membros de asociacións de maiores que estean interesadas en conmemorar o Ano Santo Xacobeo. A Xunta porá a disposición dos membros de colectivos de Galicia un total de 20 prazas na residencia de tempo libre de O Carballiño, mentres que reservará 240 para agrupacións do resto do país na residencia de tempo libre de Panxón.
Os participantes nesta modalidade do programa de turismo social terán a oportunidade de pasar 8 días en Galicia con aloxamento en cuartos compartidos e réxime de pensión completa. Así mesmo, poderán gozar de actividades de animación sociocultural, de dúas excursións de media xornada e dun día completo en Santiago. Os colectivos só se farán cargo da organización e pagamento do transporte desde o seu domicilio ata a residencia e viceversa.
Ademais destas dúas novas iniciativas, o programa de turismo social seguirá a apostar pola consolidación da modalidade de turismo termal na que xa participan un total de 17 balnearios de toda Galicia.
“É un programa con moi boa acollida e que xa está instaurado entre os nosos maiores porque a través del a Xunta facilita a aqueles con menos recursos a posibilidade de gozar duns días de vacacións e descanso en lugares de interese cultural, turístico ou termal de Galicia e de Portugal”, explicou a conselleira de Traballo e Benestar.
Turismo termalNa opción de turismo termal ofertaranse 2.189 prazas na modalidade ‘todo incluído’ e 500 na de ‘só termal’. Ao respecto desta última iniciativa, Mato apuntou que “a opción só termal manterase, xa que consideramos que é unha boa alternativa para a promoción da autonomía persoal dos maiores que viven cerca dos centros termais”.
Así, a Administración autonómica, en colaboración coa Asociación de Balnearios de Galicia, daralle a maior difusión posible a esta opción nas localidades onde se asenten os balnearios.
Esta opción inclúe 10 sesións de tratamento termal e os beneficiarios terán que achegar entre 47 e 99 euros, segundo o destino, xa que os balnearios realizaron, nesta edición, un importante axuste no custo da praza e por parte da Xunta incrementouse ata un 50% o seu financiamento.
‘Todo incluído’Pola súa banda, nesta opción a Xunta mantén o financiamento do 35% do custo das prazas, polo que os beneficiarios deberán abonar entre 291 e 368 euros, segundo o destino escollido.
A opción ‘todo incluído’ inclúe desprazamentos en autocar desde os núcleos máis importantes de poboación ata os lugares de destino, estadía en habitacións dobres en réxime de pensión completa, tratamentos termais segundo prescrición facultativa, actividades de animación socio cultural e póliza colectiva de seguros.
Na modalidade de turismo termal resérvanse 60 prazas para parellas que cumpriron as súas vodas de ouro no ano en curso. Asemade tamén se reservan 40 prazas de balde para as persoas que acrediten dispoñer de escasos recursos económicos.
Os interesados en participar nalgunha das modalidades que se ofertan deberán cumprir varios requisitos. Os principais son ser maior de 65 anos ou maior de 60 reunindo a condición de pensionista na data en que remata o prazo de presentación de solicitudes; residir en Galicia; e valerse por si mesmo para as actividades da vida diaria.
Terán prioridade as persoas con maior idade e menores recursos económicos, así como as que non teñan participado no programa en anteriores convocatorias e precisen os tratamentos termais solicitados, no caso de turismo termal.
As persoas maiores que queiran participar no programa poden presentar a súa solicitude, antes do próximo 10 de abril, nos departamentos territoriais da Xunta, residencias e centros sociocomunitarios da Consellería de Traballo e Benestar, chamando ao teléfono social 900 333 666 ou dirixíndose aos servizos sociais comunitarios dos concellos ou aos servizos sociais de atención primaria e especializada do Servizo Galego de Saúde.