Na mañá do vindeiro sábado terá lugar en Lugo, Monforte e Chantada un reparto gratuíto de plantas dentro da Semana Forestal organizada pola Xunta...
![[Img #1881]](upload/img/periodico/img_1881.jpg)
A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, acudiu onte á plantación de árbores prevista no Monte Segade, na que participaron 200 rapaces e rapazas do colexio Cervantes de Lugo, todos eles de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. A plantación de 200 exemplares de frondosas, como castiñeiros e carballos, neste monte próximo á capital, foi un dos actos centrais da programación prevista pola Xunta de Galicia para conmemorar o Día da Árbore na nosa provincia.
Arias aproveitou a ocasión para explicar aos nenos e nenas o porqué da conmemoración desta efeméride e facerlles comprender o inmenso valor dos recursos forestais que ten Lugo. “Esta é a provincia con máis árbores de toda Galicia; dous terzos da nosa provincia é masa forestal o que a convirte no pulmón da nosa comunidade e en boa medida, tamén de España. Hai tal abundancia, que tocamos a 1.600 árbores por habitante”, destacou a representante do Executivo galego en Lugo.
A delegada, que estivo acompañada polo xefe territorial de Medio Rural, Ramón Carballo, e o xefe do servizo de Montes adscrito á Delegación Territorial, Miguel Cela, expuxo que esa masa forestal supón unha riqueza en termos medioambientais e económicos, o que a converte “nun elemento básico para o desenvolvemento sostible, xa que permite xerar emprego e fixar poboación no medio rural”.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Rural, articulou en torno ao Día da Árbore -que se celebra o 21 de marzo- unha Semana forestal, con actos en diversos puntos da provincia.
Para o vindeiro sábado día 20 establecéronse puntos de entrega gratuíta de plantas aos cidadáns. Na capital estará situado na rúa Quiroga Ballesteros, fronte á Praza de Abastos, e haberá igualmente puntos de entrega na rúa Cardenal de Monforte e na Praza de Santa Ana de Chantada. En todos os casos o reparto comezará ás 11.00 horas. En total, distribuiranse 2.500 plantas, sumando as entregadas onte na Praza da Constitución de Vilalba.
O mesmo día terá lugar unha plantación de árbores na parroquia de Fazai (Lugo), en colaboración coa Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti. O luns 22 corresponderalles aos alumnos e alumnas do CEIP Frei Luis de Granada, de Sarria, levar a cabo a plantación, co aliciente engadido de que neste caso pretenden contribuír á recuperación dun punto utilizado como vertedoiro de lixo.
Durante os días pasados xa se viñeron celebrando actos simbólicos de plantación de árbores en Triacastela, a cargo dos alumnos do CEIP Eduardo Cela Vila, e Trabada, por parte dos rapaces e rapazas do CEIP Celso Currás. En todos estes actos estivo presente persoal da Dirección Xeral de Montes da Consellería de Medio Rural.