Martes, 16 marzo 2010

A Xunta pon en marcha Empregatex

Enviar por email

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o titular de Economía e Industria, Javier Guerra, presentaron onte en rolda de prensa o primeiro proxecto consensuado no seno do diálogo social. A iniciativa prevé beneficiar a aproximadamente 500 persoas desempregadas nos últimos nove meses...

O Goberno galego porá en marcha a próxima semana un ambicioso plan que promoverá a inserción laboral das persoas desempregadas do sector téxtil. Trátase do denominado Empregatex, o primeiro proxecto consensuado no seno do diálogo social de Galicia, que prevé recolocar ao 60% das persoas que participen no proxecto.

Así o explicaron hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o titular de Economía e Industria, Javier Guerra, que destacaron que a Xunta prevé que 500 persoas se beneficien do proxecto e que 300 acaden un posto laboral a través das distintas modalidades do programa.

A iniciativa, que ten un investimento de 2,9 millóns de euros, será liderada polas consellerías de Traballo e Benestar e Economía e Industria, en colaboración coa Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (Cointega), patronal téxtil que xunto cos sindicatos será parte executora deste programa.

O proxecto será cofinanciado pola Comisión Europea, a través do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG) e terá unha duración aproximada de 24 meses.

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra Fernández, salientou a importancia estratéxica que para a economía galega ten o sector téxtil-confección, “posto que está integrado por máis de 1.200 empresas, emprega a máis de 14.000 persoas e factura 7.600 millóns de euros o ano, o que supón o 14% do PIB de Galicia”.

Estas cifras, apuntou o conselleiro, dan unha idea do peso que este sector ten no tecido produtivo galego e da importancia que para o Goberno da Xunta ten a implementación de políticas destinadas a súa reactivación, xa que é, ademais, un dos motores das exportacións galegas, “con vendas ao exterior por valor de 2.560 millóns de euros, o que se traduce nun 37% do total do sector a nivel nacional, situándonos como líderes absolutos no conxunto do Estado, e nun 19% do total das exportacións galegas”.

Pola súa banda, a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, indicou que a finalidade principal do proxecto “é reconducir cara outras alternativas ás persoas desempregadas a través da creación de itinerarios personalizados”, é dicir, o que se pretende é a elaboración de recursos de fomento da inserción laboral especificamente orientados ás problemáticas das persoas desempregadas, xa que “o obxectivo final do proxecto é a inserción no mercado laboral do maior número posible de persoas”.

Unha vez feitos os itinerarios personalizados, EmpregaTex porá a disposición dos participantes un total de seis programas, tres de tipo vertical e outros tres horizontais.

Polo que respecta aos itinerarios personalizados desenvolveranse en catro fases que foron deseñadas despois de ter un estudo no que se expón a situación deste sector, caracterizado por unha crecente globalización e polo impacto da liberalización dos intercambios téxtiles mundiais.

A primeira fase consistirá na realización de charlas divulgativas nas catro provincias galegas para dar a coñecer Empregatex. A primeira terá lugar o próximo día 23 en Vigo. En Lalín será o 24, na Coruña o día 25 e en Ourense o 26, as áreas xeográficas galegas con máis incidencia no sector. A continuación, manteranse reunións con asociacións e empresas de diversos sectores co obxectivo de crear unha rede de entidades implicadas na inserción das persoas desempregadas.

A terceira fase consistirá en realizar un diagnóstico personalizado de cada persoa para coñecer as súas posibilidades reais de incorporación ao mercado laboral. Farase especial incidencia nos desempregados de máis idade que queren seguir a traballar co obxectivo de contribuír a reducir o desemprego entre este colectivo.

Por último, deseñaranse os itinerarios de inserción laboral personalizados para determinar o programa no que pode encaixar cada persoa.

Unha vez elaborados os itinerarios, poranse en marcha os diferentes programas para lograr o fin último, a inserción laboral.

Seis programas
Por unha banda, levaranse a cabo tres programas verticais (TexMellora, InsireTex e TexCreación), que serán temáticos o específicos enfocados a un grupo concreto de persoas en función das súas perspectivas.

Por outro lado, realizaranse programas horizontais de reforzo (MoveTex, TexTic e TexConcilia), que incidirán na mobilidade, formación en novas tecnoloxías da información e comunicación (TIC) e na conciliación da vida familiar e persoal.

TexMellora son actividades deseñadas para orientar e recualificar ás persoas que perderon o seu emprego nunha determinada ocupación do sector téxtil cara a novas ocupacións de maior valor engadido dentro da profesión e que na actualidade están a emerxer, como son o deseño, a tecnoloxía ou a distribución, ou cara a ámbitos do sector que apenas se viron afectados pola crise.

Pola súa banda, InsireTex é un plan que está concibido para recolocar ás traballadores e traballadoras que perderon o seu emprego no téxtil, pero que teñen un determinado perfil profesional que lles permitiría reorientar o seu futuro profesional noutros sectores que están a xerar emprego, como por exemplo os servizos especializados e os sociais.

TexCreación, o terceiro dos programas verticais, ten como obxectivo motivar ás persoas que perderon o seu posto laboral cara á cultura emprendedora e á creación de emprego. Así, esta iniciativa inclúe actividades de promoción do autoemprego, de cooperativas e pemes en xeral e a posta en marcha de novas accións económicas dentro do sector da confección ou outros onde as competencias das persoas que forman parte do proxecto poidan ser de utilidade, ben en sectores produtivos ou de servizos.

Bolsas de axudas económicas
Con respecto aos programas complementarios aos anteriormente mencionadas, destaca MoveTex, a través do que se articularán bolsas de axudas económicas coa finalidade de facilitar a mobilidade xeográfica para a realización da formación. As subvencións poderán ir dirixidas parcialmente á persoa beneficiaria, mediante cheques de axuda, e parcialmente a pagar recursos que fomenten a mobilidade como, por exemplo, gastos derivados de desprazamentos.

TexTic porá en marcha accións formativas no campo das novas tecnoloxías da información e a comunicación, mentres que TexConcilia contribuirá á conciliación da vida laboral, familiar e persoal a través de bolsas de axudas económicas, que poderán ser directas ou a través da posta a disposición dos beneficiarios de recursos para a conciliación.

No caso das axudas económicas dos programas MoveTex e TexConcilia, as subvencións distribuiranse durante o período formativo, xa que o seu fin é contribuír a que as persoas poidan asistir ás accións sen que a mobilidade e a conciliación representen un impedimento. Así, cada participante recibirá unha prestación de ao redor de 400 euros mensuais. A Xunta destinará a estas bolsas económicas 400.000 euros.

Ademais destes programas, o plan EmpregaTex inclúe, para as persoas que habendo percorrido os itinerarios previstos non atoparon un posto de traballo, a posibilidade de participar de maneira regular nas actividades que en TexVigo se realizan en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar. Trátase dun centro de formación, unha cooperativa de empresas, que permitirá contribuír a seguir prestando información e asesoramento unha vez concluído o proxecto EmpregaTex.

Así mesmo, porase en marcha a rede mentoring que ofrecerá ás persoas que estean a iniciar unha experiencia empresarial o apoio e a orientación dun experto na materia.

EmpregaTex, subliñou Mato, incidirá, ademais, “na participación continuada das mulleres desempregadas tratando que, como mínimo, o 50% dos asistentes aos cursos sexan persoas do sexo feminino e, desta forma, lograr que tamén ascenda á metade a porcentaxe das mulleres que logren a súa inserción laboral, xa que unha alta porcentaxe das persoas que perderon o seu emprego neste sector foron mulleres”.
¡Deje su comentario!
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2013 • Todos los derechos reservados.
POWERED BY FOLIOePRESS