Hernández recorda que o Plan MOVE é o proxecto que vai dirixir a política de infraestruturas viarias ata o 2015 do actual Goberno, e que prevé un investimento de 4.265 millóns de euros e unha xeración de 70.000 empregos...
![[Img #1764]](upload/img/periodico/img_1764.jpg)
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, destacou esta mañá o esforzo inversor da Xunta en materia de obra pública, a pesar da etapa constritiva e de recesión da economía actual e do escenario de austeridade orzamentaria do actual Goberno.
Así o puxo de manifesto na Cámara do Parlamento Galego, onde recordou que en menos dun ano “elaboramos e puxemos en marcha unha importante programación para o impulso das diferentes infraestruturas, e toda esta acción dentro dun marco de austeridade no gasto corrente e optimización do gasto público, que agora outros nos copian”.
Aclarou que a actual Xunta non paralizou investimentos senón que fixo posible a súa realización, liberando de atrancos e revisando proxectos que por eivas financeiras, técnicas ou de procedemento non era posible acometer. Citou a autovía Carballo-Berdoias, a variante de Noia ou a VAP da Costa Norte como exemplos de actuacións paralizadas que a consellería activou de novo no último ano.
Asegurou que a licitación de obra pública mantivo un notable ritmo de inversión e proba da súa afirmación destaca o feito de que ao longo de 2009 se licitaron obras por un importe superior aos 706 millóns de euros, unha cantidade que se verá incrementada en 2010. Así, sinalou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas mobilizará este ano investimentos en obra pública por mais de 750 millóns de euros.
O conselleiro Hernández destacou o Plan MOVE (Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica), proxecto que vai dirixir a política de infraestruturas viarias ata o 2015, prevé un investimento de 4.265 millóns de euros e unha xeración de 70.000 empregos directos. Manifestou que este plan xa se está a executar de forma decidida e rigorosa, e sinalou como proba a anualidade de 2010 con máis de 48 millóns de euros de incremento sobre a cantidade recollida no propio documento para 2010.
Salientou tamén o inicio do Plan de Infraestruturas hidráulicas 2009-2013, que está dotado de 868,7 millóns de euros e prevé crear 7.000 empregos directos. O conselleiro puntualizou que xa executaron 34 actuacións de saneamento ao abeiro deste plan.
Recordou outras medidas relacionadas co transporte e o solo empresarial e residencial programadas polo seu departamento. Así, establecéronse mecanismos para a modernización do transporte de viaxeiros por estrada; un novo Plan Sectorial de Áreas Empresariais, que ata o 2012 prevé investir uns 373 millóns de euros e favorecerá 61.000 empregos directos e un investimento inducido de 2.300 millóns de euros.
Agustín Hernández lembrou que o Goberno galego chegou a acordos co Goberno central, como o do Obradoiro para impulsar a alta velocidade ferroviaria que se está a traducir nos últimos meses nun importante revulsivo para o sector da construción na nosa terra; ou a colaboración para o desenvolvemento do Plan de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012, que suporá mobilizar axudas por valor de 600 millóns de euros, un investimento inducido duns 3.000 millóns de euros e a creación de 40.000 postos de traballo.
O representante do Goberno galego non esqueceu outras medidas postas en marcha polo seu departamento que, a pesar de que non contan con grandes orzamentos detrás, supoñen importantes iniciativas para a ordenación do país e instrumentos decisivos para unha seguridade xurídica e unha estabilidade no sector do urbanismo e da construción con indubidable transcendencia na actividade económica. A modificación da Lei de ordenación urbanística, o Plan do Litoral ou a nova normativa de habitabilidade constitúen algúns destas iniciativas.
Esforzo de equipoO conselleiro de Medio Ambiente afirmou que o seu equipo non só actuou con previsión a medio e longo prazo, senón que realizou un esforzo para impulsar a actividade económica, seleccionando e poñendo en marcha un conxunto de actuacións en materia de infraestruturas, decididas en función da súa necesidade e da súa rendibilidade social.
Nese senso, sinalou un conxunto de medidas que se integraron no Plan de Choque para mellorar o saneamento das rías galegas, con actuacións por un importe superior aos 25 millóns de euros, cunha estimación de 2.800 postos de traballo; ou o Plan de actuacións urxentes para a mellora da seguridade viaria, con preto de 150 obras en máis de 200 quilómetros, aos que se dirixiron arredor de 21 millóns de euros.
Eficacia en calquera comparativaAgustín Hernández asegurou que a licitación de recursos en obra pública acada a cualificación de eficaz en calquera comparativa con anterior Goberno. Explicou que observando o inicio da lexislatura anterior e da actual pódese observar de forma moi clara as diferenzas de xestión, incluso tendo en conta que se parte de escenarios moi distintos: un período económico claramente expansivo en 2005, fronte ao período constritivo no que se atopa inmersa a economía galega e mundial nos últimos tempos.
A modo de exemplo, explicou que desde o 18 de abril ao 31 de decembro do ano pasado o grupo MATI licitou un 849% mais fronte ao mesmo período da pasada lexislatura. Engadiu que estes datos “constatables” non parecen coincidir coa visión negativa que se tenta transmitir. Enfatizou ademais que a 1 de marzo de 2009, as tres consellerías integradas agora no departamento que dirixe levaban executados gastos no Capítulo de Investimentos (obra pública) de tan só o 0,5%.
Perspectiva de 2010Agustín Hernández avanzou que as previsións da Consellería Medio Ambiente; Territorio e Infraestruturas é investir en obra pública máis de 600 millóns de euros ao longo de 2010, sen contabilizar os investimentos da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Vigo para a que se destinarán máis de 126 millóns de euros, e os 13 millóns que irán ao concello lugués de Barreiros. Esa cantidade equivalería a un 41% do volume de licitación global da Xunta de 1.500 millóns de euros, e permitirían mobilizar máis de 11.000 empregos. Na súa opinión, esta será a senda que se manteña, xa que o primeiro mes do ano as licitacións da súa Consellería aproximáronse aos 58 millóns de euros, o que supuxo un 40,3% do total da Xunta (143.524.279 de euros).