Tras as informacións das que se fan eco algúns medios de comunicación en relación a posibles positivos no equipo ciclista Xacobeo durante a pasada Volta a España, e pese á falta de comunicación oficial por parte da UCI...
A Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia manifesta o seguinte:
1) Defendemos, en todo caso, a presunción de inocencia das persoas afectadas, considerando a mesma ata que, de forma fidedigna, se demostre, no seu caso, a súa responsabilidade nos procedementos que, conforme a dereito, se incoen.
2) Reiteramos a nosa invariable postura de loita contra a dopaxe e de tolerancia cero contra esta práctica atentatoria da integridade física dos deportistas, así como o noso firme compromiso na defensa da súa saúde e dos valores do xogo limpo e a libre competición entre iguais.
3) Manifestamos a nosa total e decidida colaboración coas actuacións e procedementos que, de conformidade co ordenamento xurídico español, se poidan derivar polas presuntas infraccións de dopaxe vertidas.