Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Martes, 12 de febrero de 2019 | Leída 56 veces

A Xunta anuncia a inminente publicación de novas convocatorias de oposicións para cubrir 847 prazas de emprego público

As oposicións máis relevantes son as de auxiliares de clínica (305 prazas), persoal do Servizo de prevención e extinción de incendios (269) e persoal subalterno (208). Son procesos selectivos “sen precedentes nas últimas décadas”, sinalou o director xeral da Función Pública, José María Barreiro. Todos os procesos serán de acceso libre e realizaranse a través do sistema de concurso-oposición. No prazo máximo dun mes publicaranse no DOG as 15 convocatorias, e desde ese momento estará aberto o prazo de inscrición para as persoas interesadas...

[Img #47708]A Xunta de Galicia realizará de xeito inminente a convocatoria de novas oposicións para cubrir un total de 847 prazas de emprego público na Administración galega. Estas 15 convocatorias serán publicadas no prazo máximo dun mes no Diario Oficial de Galicia (DOG), e desde ese momento abrirase un prazo para que as persoas interesadas poidan apuntarse.

 

O director xeral da Función Pública, José María Barreiro, anunciou onte a posta en marcha duns procesos para o acceso á Xunta de Galicia “sen precedentes nas últimas décadas”. Neste sentido, recalcou que a totalidade dos procesos que se convocan serán de acceso libre -coa reserva obrigatoria de prazas para a promoción interna que establece a lei-, polo que se poderá presentar calquera persoa que cumpra os requisitos da convocatoria, e o sistema de cobertura será a través de concurso-oposición.

 

Nunha rolda de prensa, Barreiro detallou cales serán as oposicións máis relevantes. En primeiro lugar, a Xunta de Galicia convocará 305 prazas para auxiliares de clínica, con obxecto de reforzar principalmente os centros de política social, atención a maiores, ou dependentes. O requisito para poder participar nesta convocatoria será a titulación de Formación Profesional habilitante para exercer esta profesión sanitaria.

 

A Consellería de Facenda tamén convocará 269 prazas para reforzar outro servizo prioritario, o de Prevención e Extinción de Incendios Forestais. Neste eido, a Xunta realizará convocatorias para tres categorías distintas: 102 prazas de condutor, 92 de bombeiro-forestal e 75 de emisoristas-vixiantes. A titulación requirida para poder participar nestas oposicións será o título de ESO ou equivalente.

 

En terceiro lugar, a Xunta de Galicia convocará de xeito inmediato 208 prazas de persoal subalterno, é dicir, empregados públicos que traballan nas consellerías da Xunta, en centros educativos ou tamén en centros do ámbito dos servizos sociais. Na práctica totalidade das prazas non se precisará titulación específica para poder participar.

 

Ademais, convócanse 54 prazas para o ámbito da seguridade e saúde no traballo, a través de sete oposicións en distintas especialidades. E, finalmente, haberá outras 11 prazas para dúas escalas de alta cualificación: sete prazas nas escalas de estatística e outras catro na escala de letrados da Xunta, responsables da defensa xurídica da Comunidade Autónoma.

 

O director xeral explicou que, unha vez trasladadas as convocatorias aos órganos de representación sindical, a Xunta publicará no DOG cada unha destas 15 oposicións. Desde que se publique a convocatoria ata a realización da primeira proba haberá un prazo mínimo de seis meses, para que as persoas inscritas poidan anotarse e preparar as probas e para que a Administración galega poida organizar os dispositivos necesarios.

 

Agárdanse milleiros de persoas

José María Barreiro informou de que a Xunta agarda unha participación masiva nas probas, dado o importante volume de prazas nas principais convocatorias. Isto obrigará á Administración autonómica a realizar un esforzo de loxística coa mobilización de milleiros de persoas, incluíndo as persoas que se presentan ás oposicións, os membros dos tribunais e o persoal da Xunta responsable da organización e supervisión dos exames.

 

De feito, o responsable da Función Pública destacou que unha parte destas probas vanse realizar no recinto feiral de Silleda, dado que este espazo cumpre os requisitos de centralidade e seguridade necesarios para desenvolver con éxito as oposicións. Finalmente, Barreiro avanzou que a Xunta mantén o compromiso de aprobar neste primeiro trimestre do ano a Oferta de Emprego Público para 2019, e avanzou que nos vindeiros meses seguiranse convocando novas oposicións para o acceso á Administración galega.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2019 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress