Así foi acordado onte pola Xunta de Goberno Local. As propostas céntranse na creación de emprego e na prestación de servizos sociais...
Na reunión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada onte o Concello da Laracha acordou solicitar a súa participación en diferentes programas convocados pola Xunta de Galicia e a Deputación Provincial da Coruña co propósito contratar persoal e cofinanciar a prestación de servizos sociais.
Así, o goberno local autorizou a aceptación das bases e a adhesión ao programa provincial de financiamento dos servizos sociais comunitarios para o exercicio 2019. O Concello da Laracha pretende acollerse a dúas liñas de axudas, en concreto as relacionadas co cofinanciamento dos gastos de parte do persoal administrativo e técnico adscrito a ese departamento e, tamén, do servizo de axuda no fogar por libre concorrencia.
Por outra banda, o Concello tamén presentará sendas propostas para acollerse a programas de contratación de persoal promovidos pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia. Un deles é convocatoria de axudas para o fomento do emprego e a mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais, a través da que se pretende contratar dous socorristas para prestar servizo na temporada de verán na praia de Caión.
O outro programa é referido á contratación temporal de persoas en situación de risco de exclusión social e perceptoras da renda de integración social de Galicia (RISGA). O Concello propón crear, por medio desta liña de axudas, un equipo de mantemento de espazos medio ambientais durante un período de nove meses.