As obras inclúen un investimento de 324.000 euros para a construción dunha nova senda peonil en Ribadeume (As Pontes). As estradas de Laranga a Olveira por Seráns (Porto do Son), de Laracha á Silva por Golmar (Laracha) e de Castelo a Carnoedo (Sada) melloran o seu firme con 934.000 euros...
O pleno da Deputación da Coruña aprobou onte obras de mellora da seguridade vial en estradas provinciais dos concellos de As Pontes, Porto do Son, Sada e Laracha por importe de máis de 1,2 millóns de euros.
Entre as obras aprobadas onte figura a construción dunha nova senda peonil en Ribadeume (As Pontes), que suporá un investimento de 323.982,57 euros para a construción dun itinerario peonil de 2 metros de ancho e case un quilómetro de lonxitude, que discorrerá pola marxe dereita da estrada DP 1802, entre os puntos quilométricos 15+280 e 16+230, nun núcleo moi consolidado con edificacións a ambos lados.
O obras incluirán ademais a execución dunha nova rede de recollida de pluviais e a mellora da eficiencia enerxética da rede de alumeado público da zona, substituíndo as actuais lámpadas de vapor de sodio de 150W por novas luminarias de tecnoloxía led, con menor consumo e maior potencia lumínica.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, enmarcou este investimento no ambicioso Plan de Sendas Peonís da Deputación, que comprende a execución dun total de 26 obras cun investimento global de máis de 7,5 millóns para a creación de 60 novos quilómetros de sendas e beirarrúas nas beiras das estradas dependentes da Deputación. Destas 26 obras, 21 están xa rematadas ou en execución e só 5 están en fase de licitación ou expropiación, segundo confirmou o presidente, que manifestou que o obxectivo go seu goberno é que a total dos proxectos estean prácticamente rematados ao final do mandato.
934.401 euros para mellora do firme en estradas
O pleno da Deputación deu tamén luz verde ás obras de pavimentación e mellora do firme na estradas DP 7103 de Laranga a Olveira por Seráns (Porto do Son), cun investimento de 284.087,91 euros para a dotación dunha nova capa de rodaxe no tramo de 2,6 quilómetros que vai do PK 4,6 ao 7,3.
Na DP 2404 de Laracha á Silva por Golmar, a Deputación executará traballos de corrección do peralte de curvas, reparación de gretas, mellora de drenaxe, limpeza de arcéns, instalación de nova sinalización horizontal e vertical e pavimentación cunha capa de mestura bituminosa en quente de 5 cm de espesor nun tramo de catro quilómetros que vai do PK 3,3 ao 7,3. O orzamento desta obra ascende a 434.903,68 euros.
En Sada, o pleno aprobou as obras de renovación do firme dos primeiros 5 quilómetros da estrada DP 7504 de Castelo a Carnoedo, que suporán un investimento de 215.409,90 euros e incluirán o fresado e reposición dos tramos deteriorados, a limpeza de ambas marxes do vial, a renovación da sinalización e a pavimentación cunha capa de mestura bituminosa en quente.