Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Viernes, 28 de diciembre de 2018 | Leída 16 veces

O Pleno aproba os orzamentos de 2019, que alcanzan os 10.349.818,43 euros

Rexistran un incremento do 29% con respecto ao ano anterior. O alcalde considera as contas “serias, prudentes e adaptadas á realidade social da Laracha”. Tamén foron aprobadas as gratificacións aos Policías Locais polo traballo realizado fóra da súa xornada laboral...

[Img #47447]

 

O Pleno da Corporación municipal da Laracha aprobou onte en sesión extraordinaria os orzamentos xerais municipais para o exercicio económico 2019, que alcanzarán os 10.349.818,43 euros. Con respecto ao ano anterior –no que os presupostos tamén foran os máis altos da historia do municipio- o incremento é do vinte e nove por cento.

 

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, agradeceu o labor realizado polo funcionariado e persoal laboral municipal adscrito ao departamento económico, que permitiu presentar estas contas antes de que comece o ano. A súa previsión é que os novos orzamentos poidan estar operativos a finais do mes de xaneiro.

 

O rexedor local referiuse aos novos presupostos como “serios, prudentes, adaptados á realidade social do Concello da Laracha e que axudarán a que haxa máis dinamismo económico”. Explicou que o importante incremento está motivado “polas achegas da Xunta de Galicia e do IDAE para o financiamento da mellora das infraestruturas municipais”. Lembrou o rexedor municipal que as taxas e impostos municipais permanecen conxelados “e nos tipos mínimos que a lei permite”, salientando especialmente o IBI, que é o máis gravoso para a veciñanza.

 

López Varela destacou tres eixos nos gastos previstos nos orzamentos. O primeiro deles é o esforzo investidor, xa que máis de tres millóns de euros irán a ese capítulo con actuacións como a construción do centro comunitario de Caión e do viveiro de empresas e tamén a substitución completa da iluminación pública por luminarias de maior eficiencia. Nesta última actuación serán investidos máis de un millón de euros, que permitirán posteriormente un aforro enerxético anual estimado en 200.000 euros.

 

A segunda liña mestra dos orzamentos son os servizos sociais, aos que se destinarán 1,3 millóns de euros ou, o que é o mesmo, un de cada oito euros do gasto municipal. Con cargo a ditas partidas financiaranse programas como o Harmoniza, premiado pola FEMP e UNICEF, así como as achegas municipais ao centro de día e fogar residencial e á escola infantil, o mantemento dos centros sociais da terceira idade, o centro de información ás mulleres e tamén o fondo de emerxencia social.

 

O terceiro eixo fundamental s será o “esforzo que o Concello da Laracha realizará na formación en sectores con demanda de emprego”, xa que “reducir o paro é a principal preocupación deste goberno”. O alcalde lembrou que, neste sentido, xa están en marcha iniciativas como o programa integrado de emprego da Laracha e o obradoiro de emprego que se organiza conxuntamente con Arteixo.

 

Tamén apuntou José Manuel López Varela que o Concello apostará pola humanización das rúas, a ampliación da zona azul e a habilitación de novos espazos de aparcamento gratuíto de vehículos para favorecer a actividade comercial nas vilas e tamén facilitar a rotación dos vehículos no entorno do centro médico da Laracha. Outro lugar no que se ampliarán os espazos de estacionamento será o entorno do campo da feira de Paiosaco. Ademais, en 2019 será aprobada unha nova ordenanza municipal que regulará a actividade que alí se desenvolve cada quince días.

 

Nos orzamentos tamén están blindadas as axudas municipais ás entidades culturais e clubs deportivos, así como as bolsas de estudos e as subvencións nominativas á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, á Confraría de Pescadores de Caión, á Asociación de Comercio (ACSIL) e a todas as comisión de festas.

 

Ademais, seguirase apostando pola programación cultural municipal propia, ampla, de calidade e dirixida a todos os públicos.

 

López Varela concluíu facendo referencia ao esforzo que en 2019 continuará realizando o Concello da Laracha na promoción do sector primario “apostando por dar visibilidade aos produtos da horta”, ao sector industrial “con bonificacións fiscais ás empresas que se instalen no polígono” e ao sector servizo “con novas campañas e iniciativas para explotar todas as posibilidades turísticas que ofrece o municipio” e que estarán especialmente centradas en Caión.

 

O orzamento xeral municipal foi aprobado coa abstención do concelleiro presente do PSOE dado que “non deu tempo a facer unha análise profunda desde que se celebrou a Comisión Informativa o pasado xoves” e os votos en contra dos edís do BNG por consideralos “continuistas”.

 

O segundo punto da orde do día, referido ás gratificacións dos efectivos da Policía Local polos servizos que están a prestar fóra da súa xornada laboral habitual, foi aprobada por unanimidade. O alcalde agradeceu o labor dos Policías Locais en activo e anunciou que en xaneiro se incorporará un efectivo máis en comisión de servizo.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2019 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress