Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Sábado, 1 de diciembre de 2018 | Leída 10 veces
Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña aproba a creación dunha Rede provincial de centros de traballo colaborativo para emprendedores

A iniciativa, incluida na estratexia de apoio a emprendedores do Plan de Emprego Local (PEL), comezou coa adaptación do Pazo de Arenaza (Oleiros) e esténdese agora a Boiro, Brión e Carballo. González Formoso apunta que a Deputación pretende crear viveiros e espazos de coworking especializados por sectores, co obxectivo de “crear sinerxias e transferencias de coñecemento” entre empresas de nova creación. O pleno de hoxe aprobou por unanimidade os convenios de apoio ao proxecto, que suporán un investimento de 305.000 euros...

[Img #47286]

 

Boiro, Brión e Carballo contarán con novos espazos de traballo colaborativo e sumaranse a Oleiros para formar parte dunha Rede provincial de centros de coworking impulsada pola Deputación da Coruña.

 

A iniciativa, incluída na estratexia de apoio a emprendedores do Plan de Emprego Local (PEL), comezou este mesmo ano coa adaptación do Pazo de Arenaza (Oleiros), que supuxo un investimento de 250.000 euros para transformar este singular inmoble nun moderno centro de coworking de 780 metros cadrados, con espazo para a implantación de 25 empresas.  O centro oleirense estará  destinado a emprendedores e emprendedoras da comarca coruñesa relacionados co ámbito da arquitectura, o urbanismo, a enxeñería ou as enerxías renovables.

 

No pleno provincial de onte aprobáronse, por unanimidade de todos os grupos políticos, os convenios que permitirán aos concellos de Boiro, Brión e Carballo contar con centros de similares características, tamén definidos por sectores, nos que Deputación da Coruña investirá máis de 305.000 euros.

 

“Os centros terán un marcado carácter supramunicipal, pois o seu ámbito de actuación é comarcal e a súa finalidade será axudar a desenvolver sectores produtivos e profesionais específicos en cada zona da provincia. O noso obxectivo é acompañar aos emprendedores na posta en marcha dos seus proxectos, prestarlles servizos e permitir que compartan experiencias, creando sinerxias e transferencias de coñecemento que impulsen o desenvolvemento dos seus proxectos”, afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

 

Coa creación desta Rede, a área de Promoción Económica e Emprego da Deputación pretende establecer uns mecanismos de coordinación e colaboración comúns para a prestación de servizos ás empresas e emprendedores, que estará dotada con recursos suficientes para que estes servizos sexan eficientes e de calidade.

 

A Rede Provincial de Espazos de Traballo aglutinará tanto espazos de traballo existentes coma de nova creación, independentemente da súa tipoloxía (viveiros de empresas, centros de negocio e coworking).

 

Emprende LAB-Barbanza centrarase no sector do mar e o turismo

O proxecto Emprende-LAB Barbanza pretende fomentar a creación e aceleración de novas empresas relacionadas con sectores estratéxicos para a comarca coma o conserveiro e de transformación de produtos do mar, o hostaleiro e o turístico.

 

O centro ubicarase nun local ubicado no polígono industrial de Espiñeira propiedade do Concello de Boiro, con 283 metros cadrados de superficie útil, que contará con 5 oficinas, sala de recepción, servizo de reprografía e sala para xestión e presentación de proxectos, así coma aseos e zonas comúns.

 

O inmoble contará ademáis con xardíns e zona de aparcamento exterior, insonorización, calefacción central de alta eficiencia enerxética, iluminación con led de baixo consumo, conexión de telefonía e fibra óptica en todos os espazos, e accesibilidade total para persoas con mobilidade reducida.

 

O convenio coa Deputación para este centro inclúe asistencia técnica para a dinamización empresarial (EmprendePoint), sostemento dos gastos correntes da instalación e actividades formativas que incluirán workshops, programas de mellora de xestión empresarial e de mentoring e titorización de proxectos emprendedores.

 

Tranformando en Brión, unha aposta polo sector primario

O Concello de Brión pola súa banda, co proxecto Espazo Colaborativo Transformando en Brión, aposta por un ambicioso proxecto que contribuirá á  mellora e modernización do sector primario.

 

Este espazo será pioneiro en Galicia e a súa actividade principal será a transformación de alimentos do sector primario (hortalizas, conservas vexetais, zumes, cogomelos, cereais, marmeladas, embutidos, doces, produtos de panadería, etc.) de productores locais dos municipios da comarca de Santiago.

 

O espazo, que se instalará na área comercial Monte Balado, contará cunhas instalación específicas para todo o proceso de transformación e contará co seu propio rexistro sanitario. O proxecto de Brión é un alento importante para as pequenas explotacións agrogandeiras da comarca de Santiago, pois suporá un aforro de custos importante para os produtores locais xa que contribuirá notablemente á sostenibilidade e viabilidade futura das súas explotacións.

 

O proxecto de Brión incluirá equipamento e adaptación do inmoble.

 

Carballo aposta polo sector tecnolóxico

O centro de Carballo estará orientado ao sector tecnolóxico e empresas innovadoras. Ubicarase no complexo do Fórum Carballo, que engloba 5 edificios enfocados á prestación de servizos relacionados coa formación e o emprego nas comarcas de Bergantiños e Costa da Morte.

 

O espazo da Deputación localizarase nun área de 156 metros cadrados do segundo andar do edificio 1, no que (conxuntamente cun auditorio con aforo para 120 persoas) conviven diferentes salas de usos múltiples. Trátase dun espazo diáfano, versátil e con amplos ventanais que permiten a entrada de luz natural.

 

O centro terá capacidade para a instalación de 18 emprendedores, ademáis de contar con espazos para un/unha técnico de dinamización e un/unha auxiliar administrativo/a.

 

Ademáis, o espazo de traballo colaborativo utilizará as infraestruturas do Fórum Carballo que sexan necesarias para desenvolver as súas actividades (salas de formación, auditorio, salas de reunións, despachos…).

 

Nesta primeira fase levaranse a cabo accións de adecuación das instalacións do Fórum para acoller o centro (sistemas de filtro de luz natural para as fiestras, dotación de mobiliario de oficina, habilitación da zona de recepción e despacho do técnico de dinamización), contratación do persoal encargado da xestión do centro e elaboración do regulamento de funcionamento do centro.

 

Nunha segunda fase levarase a cabo o proceso de capatación e selección dos usuarios do centro, a implantación da imaxe corporativa e accións de promoción e difusión.

 

Na última, o equipo técnico analizará as necesidades específicas dos proxectos empresariais implantados e desenvolverá un programa formativo e traballos de mentoring para a consolidación e desenvolvemento dos proxectos empresariais.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress