Viernes, 10 septiembre 2010

Roupa e material para o obradoiro de emprego

Enviar por email

Os alumnos e personal do obradoiro de emprego xa dispoñen da roupa e material que empregarán durnte todo o ano...


[Img #5083]LARACHA. Os 34 alumnos-traballadores e o persoal que forma a dirección, grupo de apoio e equipo docente do Obradoiro de Emprego Laracha IV asinaron durante a mañá de onte, día 9 de setembro, os seus respectivos contratos de traballo dunha duración de doce meses e recibiron a roupa, material de traballo e todo o equipamento de seguridade que precisarán para desenvolver a súa labor durante o próximo ano.

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, Rocío López, concelleira de emprego, e Ana Carmen Jiménez, a técnica da axencia de emprego e desenvolvemento local da Laracha, interromperon durante uns minutos as clases que se estaban impartindo nas aulas do centro sociocultural de Santa Lucía para realizar o trámite burocrático e administrativo e entregar o material de traballo poucas xornadas despois de comezar oficialmente este programa de promoción do emprego.

Cabe lembrar que o obradoiro de emprego Laracha IV, que comezou a desenvolverse o pasado día 1 de setembro, está valorado en 1.114.000 euros e é cofinanciado entre o propio Concello da Laracha e a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.

Os alumnos-traballadores, 34 en total, foron distribuídos en tres especialidades diferentes: carpintería de madeira, cachotería e xardinería. As outras oito persoas que forman parte do programa son unha directora, un mestre para cada unha das tres especialidades, unha titora, unha peón ordenanza-condutora, unha auxiliar administrativa e unha mestra en xestión empresarial.

Todos os alumnos se atopaban en situación de desemprego e a través do obradoiro, ademais de obter un emprego remunerado dun ano de duración, terán a posibilidade de formarse na súa especialidade dun xeito acorde coas necesidades que se presentan no mercado, tratando de posibilitar no futuro a súa inserción no mercado laboral en empresas privadas.

As actuacións a realizar, que comezarán a executarse unha vez se supere o período de formación básica nas aulas, consisten na creación de prazas públicas xunto ás igrexas de Santiago de Vilaño e Santa María Madalena de Montemaior e o acondicionamento do entorno do mosteiro de San Pedro de Soandres.

¡Deje su comentario!
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2012 • Todos los derechos reservados.
POWERED BY FOLIOePRESS