Onte procedeuse ao pagamento aos seus anteriores propietarios e ao levantamento das actas de ocupación. Investíronse máis de 57.500 euros na compra de nove parcelas que suman unha superficie de 9.500 metros cadrados. A dispoñibilidade dos terreos posibilitará crear unha pista multideportiva, abrir unha nova estrada e aumentar os espazos vinculados ao centro...
O Concello da Laracha concluíu o procedemento de expropiación dos terreos afectados polo Plan especial de equipamentos educativos do IES Agra de Leborís tras proceder ao seu pagamento e ao levantamento das actas previas á ocupación.
Deste xeito pasan a ser de titularidade municipal nove parcelas que suman unha superficie total de 9.500 metros cadrados. O Concello da Laracha inviste 57.539,57 euros –procedentes integramente de fondos municipais- para dispoñer destes terreos, sobre os que están proxectadas actuacións dirixidas a aumentar a superficie de solo público vinculada ao IES Agra de Leborís, mellorar as comunicacións en todo o seu entorno e crear novos equipamentos dotacionais no lugar.
En concreto, realizarase a apertura dunha nova vía que discorrerá pola parte posterior do instituto e que comunicaría directamente a avenida Manuel Fraga Iribarne coa 1ª travesía Doutor López Astray, creándose unha circunvalación para facilitar os accesos entre a zona de Santa Lucía (inicio da estrada A Laracha-A Silva) e a vía A Laracha-Soandres (Avenida Doutor López Astray).
Por outra banda, nos terreos situados na marxe esquerda desta nova estrada construirase unha pista multideportiva descuberta de uso libre, aumentándose os espazos deportivos dispoñibles para a veciñanza na capital municipal.
Unha vez completada a expropiación dos terreos, o Concello da Laracha xa está en disposición de iniciar o procedemento de contratación das obras previstas.