Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Domingo, 18 de noviembre de 2018 | Leída 9 veces

O Concello da laracha conmemora o 25 de novembro desenvolvendo unha ampla programación municipal

Día internacional contra a violencia de xénero. Inclúense obradoiros nos centros educativos, programación específica na aula lúdica, obras de teatro e mesa informativa. A cuarta edición da Festa da Igualdade será o próximo venres. Involucrarase aos clubs das diferentes disciplinas e ás escolas municipais na campaña O deporte da Laracha. Non á violencia de xénero...

[Img #47188]En conmemoración do Día internacional contra a violencia de xénero, que se celebrará o domingo 25 de novembro, o Concello da Laracha xa comezou a desenvolver un amplo programa de eventos, obradoiros e actividades relacionados con esta temática coa finalidade de mostrar a súa sensibilización con esta lacra social e concienciar a toda a poboación, especialmente aos estudantes, para evitar que poidan xurdir este tipo de condutas e que, no caso que se detecten, sexan denunciadas de xeito inmediato.

 

Co propósito de chegar a todos os sectores sociais e grupos de idade, empregaranse diversas metodoloxías nas accións programadas. Ademais de obradoiros de prevención da violencia nos centros educativos e a cuarta edición da Festa da Igualdade, escenificarase unha obra teatral de temática feminista, realízase unha programación específica na aula lúdica e o Centro de Información ás Mulleres (CIM) leva a cabo unha campaña informativa.

 

Así, en todos os centros de ensino estanse a desenvolver obradoiros de prevención da violencia de xénero adaptados a cada grupo de idade. Fanse con plena coordinación entre os equipos directivos, o departamento de orientación e o CIM da Laracha.

 

Ademais, durante todo o alumnado de secundaria (1º a 4º de ESO) do IES Agra de Leborís asistirá á proxección do documental Noetiña, as mulleres e o mar na Costa da Morte no que, seguindo un estudo realizado pola facultade de Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña, abórdanse a influencias das desigualdades de xénero nas ocupacións das mulleres que se dedican ás actividades pesqueiras na Costa da Morte e como isto repercute na súa vida familiar, na participación social e na súa saúde. Xa visionou o documental o alumnado de 4º de ESO, que hoxe tivo unha charla coloquio coa súa directora, Gabriela Amor, e o produtor Domingo Díaz.

 

O mércores da próxima semana (día 21) a compañía teatral A Tropa de Trapo porá en escena na Casa da Cultura a peza Contamos todas, na que se mesturan historias contadas con música en directo e obradoiros participativos para facer reflexionar aos participantes (alumnado de 4º de ESO e 1ª de Bacharelato do IES Agra de Leborís) sobre a igualdade de xénero. Este evento organízase coa colaboración do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

 

O venres 23 celebrarase a cuarta edición da Festa da Igualdade no pavillón do CEIP Otero Pedrayo da Laracha, na que participará o alumnado de 5º e 6º de primaria dese colexio e tamén do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco e do CEIP de Caión. O evento desenvolverase durante toda a mañá e entre as diversas probas e actividades a realizar nesta xornada lúdica de convivencia haberá actividades lúdicas centrados na prevención da violencia, a xestión das emocións, os bos tratos, a igualdade de oportunidades e a educación en corresponsabilidade. Cabe salientar, tamén, que durante esta festa serán entregados os premios da segunda edición do concurso fotográfico A Laracha enfoca a igualdade e como novidade principal realizarase a primeira carreira popular Que non te pille o machismo, cun percorrido polas rúas da capital municipal que partirá da biblioteca municipal da Laracha e terá a meta no propio CEIP Otero Pedrayo.

 

A principal novidade deste ano na programación municipal en torno ao 25 de novembro será o desenvolvemento da campaña O deporte da Laracha. Non á violencia de xénero. Baixo a organización do Concello, todos os clubs deportivos das diferentes disciplinas e as escolas deportivas municipais serán partícipes desta iniciativa dirixida a visibilizar o pleno rexeitamento da violencia de xénero e a promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

 

Tamén a aula lúdica municipal está a realizar unha programación específica con propostas relacionadas coa igualdade, o respecto ás mulleres e a educación en corresponsabilidade. Baixo o título Libres e iguais, durante todo o mes están a realizarse diversos xogos, obradoiros, actividades e sesións de contacontos sobre esas temáticas, todos adaptados ás idades dos usuarios deste servizo, que son nenos de entre 3 e 12 anos de idade.

 

No marco do programa Venres Teatrais, o 30 de novembro escenificarase na Casa da Cultura a obra Nacidas libres, da compañía Contraproduccións, onde se narra unha historia de empoderamento feminino na que catro actrices (interpretadas por Susana Dans, Rocío González, Casilda Alfaro e Mónica Camaño), fartas de non recibir ofertas de traballo, deciden autoempregarse e montar unha peza encomendándolle o texto a unha escritora moza que vive emigrada.

 

Por outra banda, xunto ao Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha –edificio para usos administrativos- foi instalada unha mesa informativa sobre violencia de xénero, explicando que é, como detectala, onde dirixirse no caso de producirse e os dereitos das vítimas.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress