Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Jueves, 8 de noviembre de 2018 | Leída 18 veces

Máis do 82% dos fogares galegos ten contratado internet, preto dun 5% máis que o ano anterior

Os datos do INE publicados onte sinalan que preto do 85% dos fogares con internet optan pola conexión móbil de banda larga, superando a media estatal. O 95,3% dos nenos/as galegos de 10 a 15 anos empregan internet, situando á Comunidade no cuarto posto na comparativa autonómica. O uso da Rede entre os galegos de entre 65 e 74 anos medra máis dun 8,6% respecto a 2017. O 40,4% da poboación galega comprou a través de Internet nos últimos tres meses, o que supón un crecemento do 25,9%. Un 68,2% dos internautas galegos comunicáronse coas Administracións a través de Internet, experimentando un crecemento do 16,6% e situando a Galicia na terceira posición no ranking por Comunidades Autónoma...

[Img #47107]

 

O 82,6% dos fogares galegos teñen contratado Internet, cun incremento do 4,8% con respecto ao ano anterior, superior ao crecemento do conxunto do Estado (3,6%), sendo nos concellos de 10.000 a 20.000 habitantes onde se rexistra o crecemento máis significativo (10,3% de aumento no último ano). Este aumento na contratación de Internet nos fogares galegos permitiu ascender 4 postos na comparativa autonómico en tan só un ano.

 

Son parte dos datos publicados hoxe polo INE sobre o equipamento e uso das TIC nos fogares en 2018, que recolle tamén que o 95,3% dos nenos/as galegos de 10 a 15 anos empregan Internet, superando a media estatal (92,8%) e ocupando a cuarta posición no ranking por Comunidades Autónomas.

 

Segundo a análise realizada polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), as cifras confirman que os galegos/as de 16 a 34 anos superan a media estatal no uso habitual de Internet e as compras on line pero, ao mesmo tempo, tamén se están a producir incrementos significativos do uso das TIC entre os maiores galegos de 65 anos.

 

Uso das TIC

Outro dos indicadores que experimenta un dos incrementos máis relevantes son as compras a través da Rede. Un 40,4% da poboación galega adquiriu algún produto ou servizo a través de Internet nos últimos tres meses, experimentando un crecemento do 25,9% respecto ao ano anterior fronte ao crecemento do 8,8% que experimenta a media estatal, Cabe salientar que un 62,7% dos mozos galegos de 16 a 24 anos compran a través de Internet, superando en 8 puntos a media estatal (54,7%).

 

O 80,4% dos galegos e galegas de 16 a 74 anos utilizaron Internet nos tres últimos meses, cun incremento do 1,3%, con respecto ao ano anterior. Se ben, o uso de Internet é practicamente universal entre os menores de 34 anos, destaca o crecemento no tramo de idade dos 65 aos 74 anos, onde o uso da Rede sube un 8,6% respecto ao ano anterior.

 

Unha das conclusións positivas desta última enquisa do INE é a posición destacada da administración electrónica na Comunidade galega. Un 68,2% dos internautas galegos comunicáronse coas Administracións a través de Internet, experimentando un crecemento do 16,6% no último ano e superando a media estatal en 2,8 puntos. Isto sitúa a Galicia na terceira posición no ranking por Comunidades Autónomas.

 

Tipo de conexión e hábitat

Segundo os datos que ofrece o INE, o 82,6% dos fogares galegos ten contratado Internet. Respecto ao tipo de conexión, cabe salientar que entre as vivendas que dispoñen de acceso a Internet en Galicia, un 84,8% emprega unha conexión móbil de banda larga través dun dispositivo de man, superando a media estatal (83,6%).

 

Respecto aos datos relativos ao tamaño do hábitat, é salientable que nos concellos con poboación de entre 20.000 e 100.000 habitantes, a media galega iguala ou supera á estatal na contratación a Internet e a banda larga.

 

Por outra banda, nos concellos galegos de 10.000 a 20.000 habitantes, rexístrase un forte ritmo de crecemento dos indicadores relacionados coa contratación de Internet e de banda larga. Así, por exemplo, neste tipo de concellos a conexión de banda larga contratada en Galicia medrou un 10,3% e sitúase no 79,5%, acurtando a distancia coa media estatal en 4,6 puntos porcentuais.

 

Uso de TIC no traballo

Nesta edición, a enquisa do INE incorpora un módulo específico sobre o uso das TIC no traballo. Do total de internautas galegos que declararon traballar a semana pasada, o 65,6% utilizou ordenadores ou dispositivos móbiles, superando lixeiramente a media estatal (64,4%).

 

As actividades máis realizadas polo menos unha vez á semana foron o intercambio de correos electrónicos ou introdución de datos en bases de datos (o 80,1%), a creación ou edición de documentos electrónicos (o 62,1%).

 

Pola súa banda, o 15,8% dos traballadores utilizaron outros equipos ou maquinarias automatizados como os utilizados en liñas de produción, de montaxe, distribución ou outros servizos (incluídos os dispositivos portátiles para o control de stock).

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress