“Os contos, como as rutas que levan á morada do Apóstolo, comunican sentimentos e suxiren emocións que todos podemos compartir, aínda que falemos distintas linguas, teñamos rasgos diferentes, e pertenzamos a culturas diversas”,di...
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou, onte, na apertura do XXXII Congreso Internacional do IBBY (International Board on Books Young People), as achegas dos escritores galegos, “xa que eles –aseverou- son os grandes artífices de que a cultura galega se prologue polo mundo enteiro e de que máis alá das nosas fronteiras se saiba que existe unha cultura e un idioma galegos”.
Así mesmo, o responsable do Goberno galego asegurou, tamén, que “poucas terras como Galicia reflicten as virtudes e os valores que condensa a literatura; a capacidade para espertar os soños e a de facelo independentemente das culturas, das crenzas e dos idiomas”. “Os contos, -afirmou- como as rutas que levan á morada do Apóstolo, comunican sentimentos e suxiren emocións que todos podemos compartir, aínda que falemos distintas linguas, teñamos rasgos diferentes, e pertenzamos a culturas diversas”.
Feijóo salientou que no mundo existen valores universais que transcenden fronteiras e identidades. “E eses valores universais –dixo- están en calquera aventura da literatura infantil, desde o soldadiño de chumbo que non logra expresar o que sinte, ata o Merlín do noso Cunqueiro que enche de fantasía o seu paso á vida adulta; e, tamén, están no camiñante que se solidariza con outros peregrinos e ve noutras civilizacións un complemento, en lugar dun contrario”.
Para o presidente do Goberno galego, eses valores que subxacen detrás da literatura ou do fenómeno xacobeo son imprescindibles para afrontar as dificultades actuais. “A cultura, a espiritualidade poden orientarnos en medio da penumbra e dar respostas aos homes de hoxe, pero tamén ás próximas xeracións”.
Deste xeito, esta cita internacional reúne, segundo Feijóo, un dos principais legados que deberíamos dar aos máis xóvenes. “Sen deixar de ser eles mesmos, sen perder nin un ápice da súa identidade, os nenos e nenas deben ver no polifacético abanico unha oportunidade para enriquecerse; do mesmo xeito que ven unha riqueza no feito de contar con dous idiomas propios, aquí en Galicia”.
O responsable do Goberno galego, que salientou que “todas esas culturas están presentes na literatura infantil, igual que nos Camiños de Santiago”, quixo, así, poñer de relevancia o papel da literatura infantil e xuvenil, “que desde logo non é unha expresión menor do xénero literario”. E quixo, amais, felicitar a Agustín Fernández Paz, pola súa inclusión na lista de honra do IBBY 2010. Para Feijóo, as achegas de Fernández Paz, “como a de todos os escritores desta terra”, son fundamental para dar sentido ao lema deste encontro: “A forza das Minorías”.
“Velaí –concluíu- unha das grandes ensinanzas que podemos e debemos deixar ás xeracións vindeiras. O afán por difundir as nosas xenuínas manifestacións culturais máis alá das nosas fronteiras, e ao tempo, recoller o que nos poden ofrecer as culturas do mundo”.