Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Miércoles, 7 de noviembre de 2018 | Leída 35 veces

O Concello organizará un programa integrado de emprego para mellorar a empregabilidade de 100 persoas

“Impulsa emprego A Laracha” terá unha duración de doce meses. Preténdese aproveitar as oportunidades laborais que se presentarán en sectores con crecente demanda de perfís profesionais. O orzamento do programa supera os 294.000 euros e será cofinanciado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia...

O Concello da Laracha organizará por primeira vez un programa integrado de emprego (PIE) orientado a mellorar a empregabilidade e, por tanto, as posibilidades de inserción laboral no sector privado das cen persoas que formarán parte desta iniciativa. Farase baixo o título “Impulsa emprego A Laracha” e coa cooperación económica da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia ao abeiro da convocatoria de subvencións para o financiamento de programas destas características (DOG nº 118 do 21 de xuño de 2018).

 

Este ambicioso proxecto terá unha duración de doce meses e irá dirixido a persoas que se atopen en situación de desemprego, dando preferencia a determinados colectivos con maiores dificultades de atopar un posto de traballo (mulleres, persoas menores de trinta anos ou maiores de corenta e cinco e desempregados de longa duración). En calquera caso, para poder participar no procedemento de selección é imprescindible estar dado de alta na súa oficina de emprego de referencia como demandante traballo, xa que será o Servizo Público de Emprego quen emitirá a listaxe de candidatos entre as persoas que cumpran as condicións requiridas.

 

“Impulsa emprego A Laracha” susténtase sobre as bases da información, orientación, asesoramento, formación (específica e transversal), práctica laboral, percepción empresarial, habilidades sociolaborais, fomento da capacidade de emprendemento e intermediación laboral. Por tanto, non soamente procura ofrecer aos participantes os coñecementos e a experiencia precisos para acceder a un posto de traballo, tamén promove o autoemprego.

 

Este programa integrado de emprego está dividido en catro bloques. O primeiro paso será a selección dos cen usuarios, para o que será preciso realizar entrevistas preliminares con todos os candidatos indicados polo Servizo Público de Emprego.

 

A segunda fase será a máis importante, xa que consistirá no desenvolvemento das accións formativas cunha combinación de actividades de carácter individual e colectivo nas que se procuran reforzar aspectos tan importantes como mellorar e incrementar as competencias profesionais, familiarizarse coas ferramentas de procura de emprego e achegarse ao mercado laboral. Entre outras iniciativas, levaranse a cabo como actividades formativas transversais (idénticas para todos os participantes) obradoiros de coaching e motivación, asesoramento sobre autoemprego e cursos sobre uso de novas tecnoloxías e aprendizaxe de idiomas. Para o desenvolvemento da formación específica, realizarase un estudo personalizado de cada usuario analizando as súas características persoais e competencias profesionais para crear un itinerario axustado a elas e, tamén, ás oportunidades laborais que se lle poderían presentar. Os cinco posibles itinerarios profesionais estarán relacionados cos almacéns e loxística, fabricación e montaxe en cadea, administración e servizos, contabilidade e fiscalidade e, por último, as novas tecnoloxías.

 

Os dous bloques restantes do PIE centraranse no seguimento da calidade e adecuación aos seus propósitos de cada unha das actividades que se desenvolvan e a avaliación dos resultados. O obxectivo final é acadar unha inserción laboral dos participantes que alcance, canda menos, o corenta e cinco por cento.

 

En definitiva, “Impulsa emprego A Laracha” é un programa co que se pretende aproveitar as oportunidades que se presentarán nun futuro a curto prazo no termo municipal da Laracha e o seu entorno –en especial grazas ao desenvolvemento industrial que se está a rexistrar no noso municipio- en sectores con crecente demanda de perfil profesionais. Orientaranse cara eses ámbitos as accións formativas e acompañarase neses itinerarios individualizados ás persoas que se atopan actualmente en situación de busca activa de emprego para aumentar as súas capacidades e, por tanto, as súas posibilidades de inserción no mercado laboral.

 

Este primeiro programa integrado de emprego que organizará o Concello da Laracha está valorado en máis de 295.000 euros, sendo financiado o oitenta e cinco por cento por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria e o quince por cento restante, con fondos municipais.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress