Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Sábado, 3 de noviembre de 2018 | Leída 12 veces
Deputación da Coruña

González Formoso reclama un novo Pacto Local que concrete competencias e financiamento dos servizos públicos municipais

O presidente provincial presenta no Parlamento o proxecto de orzamento da Deputación da Coruña para 2019, que sobe un 2,2% ata os 183,6 millóns de euros. Formoso defende “o novo modelo de cooperación cos concellos” que supón o Plan Único e reclama que a Xunta fixe tamén criterios obxectivos na asignación de recursos e permita “unha participación activa e efectiva” dos municipios na definición do destino dos fondos…

[Img #47072]

 

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, compareceu onte pola mañá ante a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para presentar as liñas principais do Orzamento da institución provincial para o exercicio 2019.

 

González Formoso anunciou que o orzamento da Deputación da Coruña para o exercicio 2019 ascenderá a 183.609.300 euros, o que supón un incremento do 2,2 % sobre o do presente exercicio e destacou que, un ano máis, todos os investimentos e plans da Deputación financiaranse con recursos propios, sen apelación ao crédito, de tal xeito que se manterá a situación de “débeda cero” do organismo provincial.

 

O límite de gasto que permite cumprir o obxectivo de estabilidade orzamentaria sitúase en 144.979.134,75 euros, polo que as dotacións orzamentarias faranse con cargo a este límite, e dotarase un Fondo de Continxencia de 3,6 millóns de euros (que supón arredor do 2% das previsións totais de gasto) para atender necesidades urxentes.

 

O presidente provincial cualificou o proxecto de orzamento, que será sometido á ratificación da corporación provincial no pleno do vindeiro 16 de novembro, como “austero, realista, socialmente sensible e orientado á creación de emprego” e subliñou a importancia que terán no mesmo dous dos proxectos estratéxicos do goberno provincial:  o Plan Único (cunha dotación orzamentaria inicial de 61,5 millóns de euros para 2019) e o Plan de Emprego Local, que parte dunha dotación de 10 millóns de euros para o vindeiro exercicio.

 

Plan Único, un novo modelo de cooperación cos concellos

González Formoso considerou que o Plan Único (POS+) posto en marcha en 2017 polo goberno provincial que preside representa “un novo modelo de cooperación cos concellos, xa que racionaliza e obxectiva as asignacións económicas da Deputación a cada un dos 93 concellos coruñeses, dándolles total autonomía para decidir en qué invisten estes fondos, en función das necesidades concretas de cada municipio”.

 

O presidente provincial destacou os bós resultados que está a dar o Plan Único (POS+) da Deputación da Coruña, que nos dous anos que leva en funcionamento permitiu a execución de máis de 800 obras na totalidade dos concellos coruñeses, cun investimento histórico de 182 millóns de euros, aos que se sumarán o vindeiro ano os 61,5 millóns de dotación inicial do POS+2019. Unha cantidade que seguirá incrementándose progresivamente ao longo do exercicio coa incorporación de remanentes.

 

Neste sentido, González Formoso reclamou que administración autonómica fixe tamén “criterios consensuados de asignación e distribución de fondos” nos seus programas de cooperación municipal e permita “unha participación activa e efectiva dos entes locais na definición do destino e execución dos fondos europeos” asignados a España e a Galicia. “Os recursos europeos que recibe a Xunta e están destinados a servizos locais ou a competencias compartidas deberían reasignarse aos concellos con criterios obxectivos”, afirmou.

 

Un novo Pacto Local de Galicia

Valentín González Formoso reclamou no Parlamento “un novo Pacto Local de Galicia, que actualice a relación de competencias e concrete as condicións óptimas de prestación e financiamento de servizos públicos municipais” baseándose nun “acordo amplo” de todas as forzas políticas.

 

“Son moitos os exemplos de leis e normas autonómicas que establecen competencias e obrigas para os concellos que non se evalúan nin contan con financiamento suficiente” por parte da Xunta, afirmou González Formoso, que enumerou algunhas delas coma a xestión dos incendios, os servizos sociais, a  protección animal, a recollida e tratamento de lixo ou o suministro e depuración de augas.

 

Formoso propuxo a constitución no Parlamento dunha comisión específica de Administración Local e Unión Europea que sirva como “canle permanente de comunicación e diálogo” entre Xunta, concellos e deputacións e se encargue da necesaria  “racionalización e descrición detallada das competencias que a normativa autonómica atribúe de forma dispersa e sen financiamento” aos concellos e de “dotar os recursos económicos necesarios para que podan desenvolver adecuadamente estas competencias”.

 

O presidente provincial considerou “imprescindible e urxente” mellorar a coordinación da acción da Xunta e as entidades locais, polo que instou a “dar contido e periodicidade á Comisión Galega de Cooperación Local para que poda cumprir adecuadamente a súa misión” e avogou tamén por “impulsar, promover e primar a prestación compartida de servizos municipais para reducir gastos e aproveitar ao máximo as economías de escala”.

 

González Formoso dirixiuse aos representantes dos distintos grupos políticos da Cámara galega para pedir, un ano máis, a participación da Deputación no Fondo Galego de Cooperación Local.  “A actual regulación do Fondo Galego de Cooperación non contempla ás deputacións entre os seus destinatarios. É a miña obriga institucional manifestar que, ao meu modo de ver, estase incumprindo o mandato do artigo 142 da Constitución Española xa que, cando establece que as entidades locais participarán nos tributos do Estado e das Comunidades Autónomas, refírese a todas as entidades locais enumeradas nos artigos anteriores do propio texto constitucional, é dicir, os municipios e as provincias”, afirmou.

 

Continúa a aposta polo emprego

O Plan de Emprego Local (PEL), dotado cunha consignación inicial de 9,82 millóns de euros no Orzamento de 2019 seguirá a ser outro dos investimentos importantes ao longo do vindeiro ano. A súa creación supuxo multiplicar por 6 os recursos que a Deputación da Coruña viña destinando tradicionalmente á creación de emprego e permite unificar nun só programa as diferentes accións da institución provincial de apoio á creación de emprego no sector público e privado, así como o fomento das iniciativas emprendedoras.

 

Nos seus primeiros anos de actividade, o PEL axudou a máis de 2.500 persoas a atopar un emprego ou pór en marcha unha idea de negocio a través das súas diferentes liñas de apoio para concellos, pequenas empresas e emprendedores, que volverán a convocarse en 2019.

 

Programas estratéxicos de mobilidade sostible

Outras partidas destacables no Orzamento de 2019 serán os 17 millóns de euros consignados para aos Plans de Investimento e Conservación en vías provinciais e á construción de novas travesías e sendas peonís na rede provincial de estradas.

 

A Deputación da Coruña segue traballando ademáis noutros programas estratexicos de mobilidade sostible que suporán un investimento de preto de 11 millóns para a creación de 128 quilómetros de vías ciclistas como a Rede Ciclista Metropolitana da Coruña ou a Vía Verde Santiago-Cerceda.

 

O presidente da Deputación sinalou tamén que a Deputación da Coruña manterá conxeladas as tarifas das taxas e prezos públicos en 2019 e subliñou o goberno provincial incrementou neste mandato do 90 ao 98% a pocentaxe da entrega a conta aos concellos que teñen delegada na Deputación a recadación dos seus tributos, o que supuxo adiantar, mes a mes, aos concellos coruñeses un total de 157,9 millóns de euros da recadación dos seus impostos, mellorando de forma notable a liquidez dos municipios coruñeses e as súas posibilidades de atender as súas obrigas económicas e reducir o período medio de pago a proveedores.

¡Deje su comentario!
Normas de Participación
Esta es la opinión de los lectores, no la nuestra.
Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.
La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados
Powered by FolioePress