Jueves, 9 septiembre 2010

A Directora Xeral de Comercio reitera o compromiso da consellería de Economía e Industria co sector do moble

Enviar por email

A Consellería de Economía e Industria destina este ano 120.000 euros de subvención para a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada e a Feira do Moble de Galicia, fronte á redución de 60.000 euros anteriores...


[Img #5075]A Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada organiza a XXIV edición da Feira do Moble de Galicia, a feira sectorial autonómica de referencia que se celebra na Estrada do 11 ao 19 de setembro. Durante o acto de presentación da feira celebrado onte, a directora xeral de Comercio, Nava Castro Domínguez, reiterou o compromiso da Xunta de Galicia co sector do moble e da madeira. Neste sentido, destacou que a Consellería de Economía e Industria destina este ano un total de 120.000 euros de subvención para o recinto feiral e para a Feira do Moble, fronte á redución de 60.000 euros aplicada durante o goberno bipartito.

Cun total de 100 expositores directos e 250 indirectos, a Feira do Moble de Galicia ofreceralle aos visitantes a posibilidade de atopar nun mesmo recinto unha ampla gama de produtos relacionados co mobiliario doméstico, os complementos, a tapicería ou a decoración. “Como en cada edición, ofrecerase un amplo escaparate das tendencias máis actuais no sector do moble e da madeira. Novas propostas e novos deseños que fan do noso un sector moderno e competitivo”, indicou a directora xeral.

A madeira é unha actividade fundamental para Galicia, debido á cantidade de superficie forestal da nosa Comunidade e ao volume de emprego que xera. En concreto, na Estrada afecta ao 20% da poboación activa. Neste sentido, Nava Castro salientou que a Consellería de Economía e Industria está á disposición do subsector da carpintería e mobiliario para afrontar os novos retos que implica a fabricación de produtos de elevado valor engadido: dende o uso de materias primas propias ata a cooperación empresarial, pasando pola incorporación das novas tecnoloxías tanto nos procesos produtivos coma nos de administración, introducindo ao mesmo tempo o deseño para aumentar a competitividade dos produtos.

A directora xeral de Comercio explicou que o compromiso do goberno galego co sector do moble se concreta tamén no actual apoio da Xunta de Galicia ao proxecto da Cidade do Moble da Estrada, proxecto no que se está a traballar decididamente co obxectivo de desbloquear a posta en marcha desta iniciativa.

Dende a Consellería de Economía e Industria deféndese así a idea de crear un polígono especializado que aglutine as necesidades do sector do moble e permita impulsar a profesionalización do sector, incrementar a cooperación empresarial, crear un produto competitivo a nivel global desde empresas capaces de reducir os custos de produción e agrupar o coñecemento da industria, aproveitando as sinerxías que xorden deste tipo de colaboracións. “A Cidade do Moble permitirá dotar a Galicia dunha infraestrutura empresarial fundamental para o impulso do seu sector do moble e da madeira, ao tempo que consolidará definitivamente A Estrada coma o punto de referencia do sector, a capital do moble galego”, indicou Nava Castro.

Xornadas técnicas
A programación da XXIV Feira do Moble de Galicia inclúe tamén un amplo abano de actividades formativas dirixidas tanto a profesionais do sector madeireiro como a empresarios, emprendedores e público en xeral. Entre os diferentes temas que se abordarán nestas xornadas técnicas destacan un seminario de difusión e creación de empresas e unha xornada explicativa sobre as novas liñas de axuda do IGAPE para a dinamización das pemes galegas. O xoves 17 de setembro, a Consellería de Economía e Industria informará sobre o Plan Ágora Agora Re-comercia 2010-2013, un paquete de medidas estratéxicas orientadas a reactivar, modernizar e innovar o pequeno comercio de todas as localidades galegas, que se está a poñer en marcha a través da Dirección Xeral de Comercio.

Por último, Nava Castro sinalou a relevancia deste evento como unha canle de difusión e de acceso a novos clientes e mercados por parte do sector do moble e destacou o labor da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada que posibilita o intercambio comercial a través deste tipo de certames, ao tempo que desenvolve un papel indutor sobre outras actividades e servizos.

¡Deje su comentario!
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2012 • Todos los derechos reservados.
POWERED BY FOLIOePRESS