LARACHA. Iníciase a tramitación previa ao comezo do proceso de contratación das obras incluídas no proxecto de construción do Campo Municipal de Fútbol de Caión, que será construído no núcleo de Xermaña, xunto ao pavillón polideportivo da parroquia...
LARACHA. O proxecto desta obra estará a partir do xoves en exposición pública na Casa Consistorial do Concello da Laracha para que, durante un prazo de 20 días, calquera veciño poida observalo, coñecer o seu contido e, se así o estima conveniente, presentar alegacións ao documento. Este período de exposición pública é un trámite preceptivo que debe superarse para obter a autorización autonómica para a execución do proxecto.
O orzamento da actuación, que vai ser financiada integramente pola Secretaría Xeral Para o Deporte da Xunta de Galicia, supera a cantidade de 1.050.000 euros, un investimento que permitirá á parroquia de Caión contar cunha instalación deportiva moderna, funcional e equipada con todos os servizos.
O proxecto contempla unha completa obra, diferenciando tres partes na mesma: o campo de fútbol, o graderío con vestiarios e o peche da instalación.
A zona do terreo de xogo estará dotada cun céspede artificial de última xeración. Na superficie serán marcado o campo de xogo para partidos de fútbol-11 e tamén dous campos cruzados de fútbol-7. Para posibilitar o uso intensivo da instalación, tanto de día como de noite, instalarase a iluminación artificial mediante torretas de luz. A rede de rego disporá de canóns emerxentes de longo alcance y tamén será instalada unha rede de recollida de auga mediante canaletas nos laterais do campo, o que facilitará a drenaxe do terreo. Por último, tamén se contempla a dotación co equipamento deportivo xeral (porterías, banquillos, banderíns de córner, etc.) e redes recollebalóns.
Nun dos laterais do terreo de xogo será construído un graderío cuberto que permitirá a cómoda asistencia de espectadores. Na parte baixa serán habilitados dous vestiarios para equipos, outros dous para árbitros, almacén, locais para instalacións e tamén serán reservadas estancias que se destinarán a aseos para o público.
O proxecto completarase co peche perimetral da parcela que, coa finalidade de minimizar o impacto sobre o territorio, será construído en pedra que, na súa maior parte, procederá da propia escavación do terreo.
Cabe lembrar que no Concello da Laracha existen actualmente dous campos de fútbol municipais: o da Laracha e o de Porta Santa, en Paiosaco. Coa construción desta instalación en Caión dotarase cun campo de fútbol a cada un dos tres cascos urbanos do Concello.