Na súa comparecencia onte ante a Comisión Cuarta do Parlamento, o secretario xeral da Consellería de Cultura e Turismo, Antonio Fernández Campa, defendeu o acordo coa Fundación Cela co obxectivo de manter en Galicia a institución e os fondos do Nobel...
A Xunta de Galicia desminte rotundamente que a Fundación Cela esté a asumir gastos persais de Marina Castaño referidos ao seu servizo doméstico ou de secretariado. Do mesmo xeito, rexeita que na actualidade se esté a asumir o soldo do xerente e ningún gasto doméstico relativo a este cargo xa que a persoa que estaba a ocupar a responsabilidade na xerencia da Fundación ten rematada a súa relación contractual.
O secretario xeral da Consellería de Cultura e Turismo, Antonio Fernández Campa, defendeu esta mañá na súa comparecencia ante a Comisión Cuarta do Parlamento o acordo coa Fundación Cela co obxectivo de manter en Galicia a institución e os fondos do Nobel. Fernández Campa asegurou que a actuación da Xunta de Galicia permitirá manter o funcionamento da Fundación Camilo José Cela en Padrón como centro cultural e dedicada a usos museísticos centrados na figura de Cela. Do mesmo xeito, posibilitará dispoñer e facilitar na Biblioteca de Galicia o acceso aos fondos da Fundación co maior interese para investigadores e estudosos da obra do escritor.
Neste sentido, o secretario da Consellería de Cultura e Turismo lembrou que a Fundación deberá levar a cabo un plan de viabilidade dos seus gastos con carácter previo á entrada en vigor do acordo que permitirá á Xunta ter a maioría nos seus órganos de goberno.
Licitación Biblioteca
Respecto á adquisición de cadeiras para a Biblioteca de Galicia, Fernández Campa lembrou que os custos medios desta licitación son un 45% máis baratos do que en 2005 se licitou a compra de cadeiras similares para o edificio do Arquivo, e que foi adxudicado definitivamente polo bipartito.
De forma detallada, Fernández Campa explicou que no concurso aprobado agora licitaranse, por un importe total de 191.600 euros, 376 cadeiras cun custe medio de 509,57 euros. Na licitación do Arquivo o importe total foi de 132.549 euros para adquirir 142 cadeiras, cun custe medio de 933,45 euros. Segundo Fernández Campa, o concurso do mobiliario da Biblioteca da Cidade da Cultura axústase ás exixencias de calidade e durabilidade determinadas polo que vai ser o seu uso diario durante décadas, tanto por parte dos investigadores como dos visitantes e do persoal que traballará neste edificio. Procúrase unha baixa tasa de reposición (neste caso a maior parte do equipamento será destinado para usos públicos) e, polo tanto, un escaso mantemento.
Cómpre sinalar que o prezo de licitación das cadeiras, das butacas e da moblaxe que aparece especificado no prego de contratación non é o prezo definitivo. Refírese ao máximo estimado segundo as prescricións técnicas e o prezo de mercado, pero valorarase a mellor oferta económica que marcará a contía final. As cifras publicadas refírense a orzamentos de licitación e sobre eles se aplicarán as correspondentes baixas de licitación, estimadas nun 20 por cento.