A Xunta de Galicia apoia a celebración do o XXXII Congreso Internacional de Literatura Infantil e Xuvenil, que se celebrará en Santiago do 8 ao 12 de setembro baixo o lema “A forza das minorías”...
A Biblioteca Anxel Casal acolleu onte a presentación da 32 edición do Congreso Internacional de Literatura Infantil e Xuvenil (IBBY) que terá lugar en Santiago entre os días 8 e 12 se setembro baixo o lema A forza das minorías. O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, asegurou que a celebración desta cita bienal el Galicia “é unha proba máis de que na nosa comunidade estamos a realizar un traballo sólido e de calidade como produtores e difusores da literatura infantil e xuvenil, con creadoras e creadores, editoriais e especialistas de primeiro nivel mundial”.
Para o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, albergar este congreso despois de Copenague, e coas sedes de 2012 e 2014 xa designadas, en Londres e Oaxaca (México), “constitúe para toda Galicia un honor e un motivo de orgullo, que vén encher cunha dimensión especial o Ano do Libro e da Lectura, que organizamos dende a Consellería de Cultura e turismo”. “Deste xeito, a organización de un evento de referencia a nivel internacional confirma a nosa posición no mundo da literatura infantil e xuvenil, actuando como elemento dinamizador de creación, interpretación e distribución, e a súa vez nos serve de carta de presentación no exterior”.
Doutra banda, o director xeral afirmou que “a cultura tamén ten a labor de facer un mundo mellor”, e tal como reza o tema central deste Congreso, A forza das minorías, “cada unha das culturas e das sociedades que nos acompañan deben de contribuír cada vez máis ao entendemento dos pobos”. Neste sentido, o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura explicou que “os nenos parten de onde chegamos os adultos, e a nós correspóndenos darlles un camiño limpo no que poidan desenvolverse, os textos cos que descubran as súas posibilidades e o seu mundo; as ilustracións que os aproximen a si mesmos, ao que levan dentro e a todo o que poidan compartir no transcurso da súa existencia”.
De cara o futuro, Francisco López asegurou que tanto dende o IBBY como dende a Xunta de Galicia “temos a vista posta na transformación dos recursos, na exploración das novas vías que nos esixe a adecuación aos tempos que vivimos, para que a nosa infancia e a nosa xuventude conten con alicientes específicos para acudir á lectura e ao crecemento intelectual que lles corresponde neste século XXI”.
‘A forza das minorías’
Baixo o lema para 2010 “A forza das minorías”, a 32º entrega do Congreso de IBBY, chega a Santiago de Compostela tras navegar durante 50 anos polo mundo adiante coa súa mensaxe de promoción e apoio da lectura como bandeira. Comprometido na responsabilidade de IBBY por loitar en pro da diversidade e da pluralidade e en busca dunha conciencia de globalidade, o Congreso busca nesta ocasión tenderlle unha man ás minorías, para axudar aos que non poden falar e dar acubillo aos que non teñen voz. Utilizando as ferramentas máis antigas de cantas existen: a comunicación e a palabra, preténdese pór en valor o feito de que as persoas pertencentes a calquera tipo de minoría, teñen o dereito e o deber de protexer e conservar a súa cultura, relixión, forma de entender o libro e a lectura e empregar a súa lingua.
¿Qué é IBBY?
A International Board on Books for Young People (IBBY) constitúe unha organización conformada por setenta seccións nacionais. En España, IBBY, atópase representada pola OEPLI (Organización Española para o Libro Infantil). IBBY é unha Organización Non Gobernamental, incorporada á Unesco e Unicef, acerrimamente defensora dos principios da Convención Internacional dos Dereitos do Neno. Dende a súa fundación en 1953 en Zurich, IBBY sempre tivo como punto de referencia básico o ámbito do libro infantil e xuvenil como contedor, suxeridor ou mediador de sensibilidades e formas de comunicar para desenvolver iniciativas de promoción da lectura en todos os países do mundo.
O Comité Executivo de IBBY é o encargado de determinar as políticas e programas da Organización. Está definido por dez persoas de distintos países e un Presidente, elixidos polas Seccións Nacionais no curso da Asemblea Xeral. Cada dous anos, unha Sección Nacional diferente actúa como anfitrioa do congreso.