Miércoles, 8 septiembre 2010

A Deputación da Coruña destina 340.000 euros para dotar de herba artificial ao campo de fútbol de Aneiros, en Ferrol

Enviar por email

Salvador Fernández Moreda e Vicente Irisarri asinaron onte o convenio de colaboración...


[Img #5057]A Deputación da Coruña destinará 340.000 euros para dotar de terreo de xogo de herba artificial ao campo de fútbol municipal de Aneiros, en Serantes (Ferrol). Así se estipula no convenio subscrito onte, na sede da institución provincial, polo presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda, e o alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri. A achega provincial representa o 65% do orzamento global do proxecto, que ascende a 522.806 euros.

As obras consistirán na substitución do actual firme do campo por un moderno por terreo de xogo de céspede sintético, con fibras de 60 mm. de última xeración, que permitirá un uso máis intensivo del.

Para iso, moverase seis metros o actual terreo de xogo, co obxecto de alonxalo do rego de Aneiros, que discorre en paralelo á banda este do campo, e evitar posibles inconvenientes ante unha eventual crecida deste. Esta operación implica a demolición e posterior restitución dun muro de contención existente na banda dereita do campo, así como a rotación do terreo de xogo.

Debido á rotación do terreo de xogo é necesaria a apertura dun novo acceso de peóns, que se situarán no actual noiro oeste, que se explanará na súa parte máis próxima ao terreo de xogo e se dotará de varanda de seguridade.

O proxecto inclúe o marcado dun campo de fútbol 11, de 102, 8 metros de lonxitude e 57 metros de ancho, e dous campos transversais de fútbol 7, a instalación dunha rede de rego con seis canóns de auga de longo alcance, así como o asfaltado de 2.420 m2 no fondo sur do campo, arredor dos vestiarios, o que evitará a entrada de barro no novo tapiz artificial.

Tras a sinatura, Fernández Moreda destacou que na actualidade a Deputación da Coruña instalou nos últimos anos terreos de xogo de herba artificial en máis de 70 campos de fútbol da provincia, cun investimento global que supera os 30 millóns de euros.

Pola súa banda, o alcalde de Ferrol agradeceu a cooperación económica da institución provincial para facer realidade este proxecto, que permitirá modernizar a infraestrutura deportiva do municipio e adaptala ás necesidades dos usuarios.

¡Deje su comentario!
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2012 • Todos los derechos reservados.
POWERED BY FOLIOePRESS