CULLEREDO. A nova estrada contará con calzada de 12 metros, beirarrúas de un metro, iluminación e novas redes de servizos...
CULLEREDO. A Deputación da Coruña destinará 100.000 euros para cofinanciar a construción dun vial no polígono de A Marisqueira (Culleredo), segundo se estipula no convenio asinado onte, na sede da institución provincial, polo presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda, e o alcalde de Culleredo, Julio Sacristán. A achega provincial representa o 13% do orzamento total do proxecto, que supera os 970.000 euros.
As obras consistirán na construción e pavimentación dun vial de algo máis dun quilómetro, con calzada de 12 metros e beirarrúas dun metro en ambas marxes da estrada, a mellora da conexión coa estrada de acceso ao polígono e a instalación de novas redes de servizos.O trazado seguirá a aliñación do Plan xeral da localidade, así como as liñas de replanteo marcadas polos propietarios dos predios lindeiros.
O primeiro tramo, entre os PK 0+00 e 0+150 , comprende o cruce da avenida de Almeiras e ten unha parte xa urbanizada. Nesta zona, pola existencia de naves, adáptase a sección da rúa existente, ampliándoa no cruce coa estrada e dotándoa de beirarrúas na marxe dereita nos primeiros 60 metros. Neste primeiro tramo a calzada será de 10 metros, máis 1 metro de beirarrúa na zona ampliada.
A partir dese punto recupérase a sección tipo (12 metros de calzada e dúas beirarrúas de 1 metro), ata enlazar nun novo tramo do vial existente, no pk 0+360, que conecta máis adiante cunha pista municipal paralela á AP-9. A sección desta pista será ampliada ata alcanzar novamente a avenida de Almeiras.
As obras inclúen ademais a construción dun muro de contención no incio do tramo, a construción dunha nova rede de pluviais (dividida en tres tramos), e de canalizacións subterráneas para as redes de telecomunicacións, gas e enerxía eléctrica.
Así mesmo, instalaranse columnas de 10 metros de altura con puntos de luz en ambas marxes da estrada, cunha interdistancia de 30 metros e luminarias de 150 w.
O alcalde de Culleredo afirmou que as obras suporán “unha mellora substancial” para as comunicacións no polígono, agradeceu a cooperación económica da institución provincial para levar a cabo o proxecto e destacou o compromiso inversor da institución provincial coa localidade.