A Deputación da Coruña destina 48.000 euros para colaborar coa Asociación de Escritores en Lingua Galega en diversas actividades culturais...
A Deputación da Coruña destina 48.000 para colaborar coa Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) en diversas actividades culturais, entre elas a organización da XXVII edición do congreso Galeusca das literaturas galega, vasca e catalá, que este ano se celebrará en Galicia, segundo se recolle no convenio subscrito onte, na sede da institución provincial, polo presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda, e o seu homólogo da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.
A AELG, fundada en 1980, integra a preto de 400 autores galegos, procurando a promoción da nosa literatura e propiciando foros para o debate e o intercambio de ideas. No seu portal web conta cun Centro de Documentación de Escritores, posto en marcha coa colaboración da Deputación da Coruña, ademais dunha extensa axenda cultural, cursos en liña para autores e docentes, e unha editora virtual “AELG editora”, para que os autores máis novos poidan editar as súas creacións.
Ademais de financiar a organización do Congreso Galeusca 2010, a achega provincial destinarase a diversas actividades de promoción dos autores galegos e á organización de foros literarios como o IV Encontro de escritores novos e a I Polafía na provincia, na que participarán destacados autores do panorama literario galego, así como á actualización e mantemento das infraestruturas tecnolóxicas da entidade e á dixitalización de documentos.
O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, agradeceu o apoio financeiro da Deputación da Coruña á entidade e gabou o importante labor de dinamización cultural que desenvolve a institución provincial.