A actividade, que se desenvolverá en setembro e outubro, vai dirixida a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos. O prazo de inscrición para participar nesta iniciativa comeza hoxe...
A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, oferta un total de 60 prazas na Illa de San Simón para achegar á mocidade ao medio mariño. A actividade desenvolvérase durante tres fins de semana de setembro e outubro.
A iniciativa, que vai dirixida a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos, abre o seu prazo de inscrición mañá. Os interesados poderán facer a reserva a través da chamada telefónica e dispoñen de toda a información precisa na páxina web www.xuventude.net.
Os cursos prolongaranse durante dous días –con entrada o venres pola tarde e saída o domingo-, coincidentes sempre en fin de semana. A través da súa participación, os asistentes adquirirán, entre outras habilidades, coñecementos básicos de mergullo sen bombona, ao tempo que se fomentará entre eles o coidado polo medio ambiente e o contacto coa paisaxe e natureza da Illa de San Simón.
Deste xeito, combinaranse accións formativas na aula con actividades a realizar no contorno da Illa.
A cota de inscrición no curso é de 100 euros (cun 25 por cento de desconto para os posuidores do Carné Xove), e este prezo cubrirá o aloxamento en pensión completa, o transporte no ámbito da actividade, e a propia acción formativa con monitores-guía e o material para o seu desenvolvemento.
En concreto, as prazas distribuiranse en tres grupos, de 20 prazas cada un. A actividade desenvolverase na fin de semana do 17 ao 19 de setembro; así como do 10 ao 12 e do 15 ao 17 de outubro.