LARACHA. As vías dos núcleos da Viña (Vilaño) e O Cruceiro e o Igrexario de Lendo serán dotadas cunha capa de aglomerado asfáltico...
LARACHA. A ampliación das redes de saneamento e abastecemento de auga en determinados núcleos das larachesas parroquias de Vilaño e Lendo -actuación aprobada a pasada semana polo Consello da Xunta e que serán financiada integramente pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no marco do Plan de Infraestruturas Hidráulicas 2010-2013, correspondendo ao Concello da Laracha a cesión dos terreos e a posterior conservación e mantemento da infraestrutura-, terá continuidade e será completada polos proxectos de pavimentación dos núcleos da Viña (Vilaño) e dos lugares do Cruceiro e O Igrexario (Lendo), ambos elaborados polo Concello da Laracha e que comezarán a executarse unha vez estean instaladas baixo terra as novas tubaxes.
En primeiro lugar, salientar que a actuación de abastecemento e saneamento que financiará a Xunta de Galicia está valorada en 337.840 euros. Corresponde á segunda fase dun proxecto no que Augas de Galicia investiu recentemente na súa primeira parte uns 640.000 euros. A obra que se executará durante os próximos meses contempla dotar con abastecemento de auga a todo o núcleo do Cruceiro da parroquia de Lendo e tamén completar o saneamento para levalo ao Igrexario, única zona deste lugar que carece del. Pola súa parte, as vivendas do núcleo da Viña (parroquia de Vilaño) beneficiaranse da chegada de ambos servizos dos que non dispoñen na actualidade.
A renovación da capa de rodadura coa pavimentación integral con aglomerado asfáltico das estradas polas que discorrerán as tubaxes permitirán equipar con todos os servizos e dotar coa maior calidade posible as vías nos citados núcleos da Viña, O Cruceiro de Lendo e O Igrexario desa mesma parroquia.
Antes de executarse o proxecto de saneamento e abastecemento, o Concello da Laracha rematou recentemente unha actuación de mantemento e reparación da estrada no núcleo da Viña para facilitar o tránsito de peóns e vehículos durante o tempo que duren as obras que financiará a Xunta de Galicia.