Martes, 7 septiembre 2010

A Aula Lúdica Municipal estrea programación e recupera o horario de inverno

Enviar por email

LARACHA. A aula lúdica municipal, servizo gratuíto que o Concello oferta ás familias que teñen ao seu cargo nenos de entre 3 e 12 anos de idade, estreará mañá martes a nova programación tras poñerse punto e final ás actividades relacionadas co verán...


LARACHA. Ademais, a partir do xoves, día 9 de setembro, recuperará o horario de inverno, de luns a venres de 16.00 a 20.00 horas, adaptándose, deste xeito, ao inicio do curso escolar 2010-2011.

Como vén sendo habitual nos últimos anos, todos os venres, de 18.00 a 19.30 horas, o persoal especializado da aula lúdica desenvolverá unha sesión de contacontos dirixida a todos os públicos que se enmarcará dentro da segunda etapa do programa denominado “Pequenos, grandes lectores”. O propósito é fomentar a lectura entre os nenos máis pequenos por medio dunha actividade entretida, divertida e chamativa para os rapaces.

A relación de contacontos e datas é a seguinte:

- 7 de setembro: “El rey de casi todo”.
- 10 de setembro: “El país con el delante”.
- 17 de setembro: “O parruliño feo”.
- 24 de setembro: “O galo que rompeu o peteiro”.
- 1 de outubro: “O lobo e os sete cabritiños”.
- 8 de outubro: “Colasiño”.
- 15 de outubro: “O burro ladrón”.
- 22 de outubro: “O can futbolista”.
- 29 de outubro: “Os tres porquiños”.
- 5 de novembro: “O grilo trompeteiro”.
- 12 de novembro: “Catarina e Frederico”.
- 19 de novembro: “Os ladróns e os amigos do muiñeiro”.
- 26 de novembro: “Pechaollos e os soños”.
- 3 de decembro: “A vaca Catuxa”.
- 10 de decembro: “Ollobrusco”.
- 17 de decembro: “O pito Cairo”.
- 24 de decembro: “O pequeno Yared”.
- 31 de decembro: “El oso que amaba los libros”.

Paralelamente aos contacontos, levarase a cabo outra programación diferente ata final de ano a través da cal cada quincena estará dedicada a un tema a partir do que se realizarán diversas actividades relacionadas coa aprendizaxe e a concienciación sobre determinados valores e cuestións sociais e medioambientais, coas seguintes datas, títulos e actuacións a desenvolver:

- Do 13 ao 24 de setembro: “Palabras máxicas: grazas, perdón, por favor”. Por medio de representacións teatrais e xogos de palabras, tratarase de concienciar aos rapaces sobre a o emprego destas verbas e, nun concepto máis amplo, sobre a importancia da amabilidade na vida cotiá.

- Do 27 de setembro ao 8 de outubro: “Dúas boas coñecidas: puntualidade e cortesía”. Amosar a importancia destas valores é o principal obxectivo das actividades que se desenvolverán durante estas dúas semanas na aula lúdica.

- Do 11 ao 22 de outubro: “Non somos rexoubeiros”. O obxectivo é concienciar aos nenos sobre a importancia de respectar aos demais e aprenderlles pautas básicas de comportamento. O medio a través do que se pretende acadar é a realización de xogos e traballos manuais.

- Do 25 de outubro ao 5 de novembro: “Os reis da mesa”. A pretensión do persoal da aula lúdica nestas dúas semanas será inculcar aos nenos un correcto comportamento á hora de xantar, explicándolles a postura que deben ter e o emprego axeitado dos apeiros que se utilizan para ese fin,

- Do 8 ao 19 de novembro: “Adeus ás leoneiras”. A limpeza e o orden serán os valores obxecto de aprendizaxe durante esta quincena, que se realizarán por medio de xogos e lectura de contos relacionados co tema.

- Do 22 de novembro ao 3 de decembro: “Maquiniñas, ás veces”. Orientarase aos nenos no emprego das novas tecnoloxías e explicaráselles a importancia dun consumo correcto das mesmas.

- Do 6 ao 17 de decembro: “Aprendendo seguridade”. Por medio de simulacións na aula de diferentes situacións que se poden producir na realidade, os rapaces aprenderán a tratar con descoñecidos e a importancia de ser precavidos.

- Do 20 ao 31 de decembro: “Nenos exemplares”. O propósito nesta quincena será aprender pautas de comportamento nas distintas situacións que poidan presentarse para saber estar en cada lugar. Para iso realizaranse xogos teatrais e a aula será adaptada para as diferentes situacións que poidan presentarse.

Cabe lembrar que a aula lúdica municipal está situada no edificio de Servizos Múltiples da capital municipal. Está aberta de luns a venres, no inverno entre as 16.00 e as 20.00 horas e no verán de 10.00 a 14.00 horas, adaptándose deste xeito ás necesidades das familias en épocas de vacacións ou no periódico escolar.

A través deste servizo, totalmente gratuíto para os usuarios, ofrécese a posibilidade aos pais con ocupacións de deixar aos nenos o tempo que estimen conveniente (desde uns minutos por unha necesidade puntual ata as catro horas diarias nas que se ofrece o servizo), sen necesidade de reservar praza ou pedir cita previa, nun lugar onde estarán ben atendidos por dúas educadoras e en compañía doutros nenos da súa idade, participando nas actividades propostas ou tamén facendo os deberes da escola ou repasando cuestións relacionadas cos seus estudos.

¡Deje su comentario!
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2012 • Todos los derechos reservados.
POWERED BY FOLIOePRESS