Lunes, 6 septiembre 2010

Economía e Industria apoia a implantación comercial das empresas galegas no exterior con subvencións que poden superar o 50% dos custos

Enviar por email

Ata o próximo 10 de setembro está aberto o prazo para a presentación de solicitudes de apoio a iniciativas colectivas orientadas á desenvolver primeiras implantacións comerciais no exterior, xuntando esforzos e compartindo custos...


Apoiar a implantación comercial das empresas galegas no exterior, ao amparo de proxectos agrupados, é o obxectivo do Plan Primex, promovido pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape e aberto á presentación de solicitudes ata o próximo 10 de setembro. Deste xeito, pola vía da cooperación, o departamento que dirixe Javier Guerra proponse acelerar o proceso de internacionalización do tecido empresarial galego.

Os proxectos de cooperación como os que poden acollerse ao Plan Primex permítenlle ás empresas galegas xuntar esforzos, compartir custes e, no seu caso, estratexia e marca para introducirse por primeira vez en novos mercados internacionais, especialmente nos países emerxentes de alto crecemento, para o lanzamento de produtos ou servizos galegos en novos mercados. Esta liña de axuda (Plan Primex) facilita apoio ás accións que realicen os organismos intermedios beneficiarios para os seus asociados.

Poden acollerse a esta liña de subvención proxectos de primeira implantación conxunta no estranxeiro impulsados por agrupacións de polo menos tres empresas galegas -non vinculadas previamente entre si-, que se comprometan a crear unha sociedade de promoción e introdución comercial dos seus produtos no país de destino, ou por consorcios domiciliados en Galicia e con personalidade xurídica independente formados por cando menos tres empresas galegas que se comprometan a crear unha filial no estranxeiro para a promoción e introdución comercial dos seus produtos no país de destino. Prímase a primeira implantación en mercados como Brasil, Rusia, India, China ou México, onde o importe das subvención pode cubrir ata o 55% do investimento, dependendo do número de empresas participantes.

Tamén son apoiables no marco do Plan Primex os proxectos de creación de centros de promoción no estranxeiro promovidos por asociacións empresariais, consellos reguladores e clusters. Haberá un mínimo 5 empresas galegas no proxecto; as agrupacións de polo menos tres empresas - non vinculadas previamente entre si e con domicilio ou algún centro de actividade radicado en Galicia-, que se comprometan a establecer de forma conxunta un centro de promoción e introdución comercial no estranxeiro. Neste caso, e se a iniciativa ten como obxectivo algún dos mercados preferentes (Brasil, Rusia, India, China ou México), as subvencións poden cubrir ata o 69% dos custos do proxecto, dependente do número de organismos intermedios que participen no proxecto. Os apoios tamén poden chegar ao 50% no caso dos proxectos para centros de promoción no estranxeiro impulsados por agrupacións de empresas.

Prospección internacional
Outra liña de apoio a iniciativas de internacionalización coa convocatorias tamén aberta ata o próximo 10 de setembro para a presentación de novas solicitudes é a de prospección internacional, orientada a apoiar a investigación comercial en novos mercados do estranxeiro e nos mercados duty free de España e do estranxeiro, previa a unha posible implantación comercial estable.

Pola súa parte, e nesta caso ata o 15 de setembro, está operativa a liña do Igape destinada a apoiar a contratación de xestores de exportación, que ten como obxectivo axudar a incorporar profesionais ao mercado laboral e promover e facilitar ás empresas galegas a prospección e acceso a novos mercados, poñendo, ao seu alcance, axudas para a contratación de profesionais durante o primeiro ano de vixencia do contrato laboral.

A internacionalización das empresas galegas conforma un dos eixos estratéxicos establecidos pola Consellería de Economía e Industria no marco do Plan re-Forza 2010, que igualmente promove medidas para impulsar a competitividade das empresas galegas e a optimización dos procedementos administrativos para facilitar a presentación, avaliación, resolución e pagamento das axudas de xeito máis áxil.

Máis de 1.300 solicitudes
A Consellería de Economía e Industria recibiu este ano máis de 1.300 solicitudes de axuda ao amparo das liñas destinadas a favorecer a internacionalización das empresas galegas, un 106% máis que as recibidas polo Instituto Galego de Promoción Económica (388) e a Consellería (250) o pasado ano, antes de que o Instituto que preside o conselleiro Javier Guerra fose encargada de coordinar todos os apoios neste ámbito. Ao mesmo tempo, das 470 empresas que solicitaron axudas á internacionalización en 2009 pasouse a 700 neste ano, case un 49% máis.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes en 8 das 11 liñas de apoio convocadas polo Igape para apoiar a internacionalización das empresas galegas, o Instituto recibiu 1.316 solicitudes que levan asociado un investimento proxectado de 20,9 millóns de euros, un 122% máis que no exercicio anterior. A liña destinada a apoiar a participación en eventos expositivos internacionais fóra de Galicia foi a máis demandada, con 534 solicitudes presentadas; en segundo lugar colocouse a liña para apoiar iniciativas de marqueting, comunicación, imaxe e marca para lanzar produtos ou servizos no ámbito internacional, con 359 solicitudes.

¡Deje su comentario!
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2012 • Todos los derechos reservados.
POWERED BY FOLIOePRESS